miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Os malhumorados do verán

MANTER O HUMOR en circunstancias adversas non é cousa doada. Conservalo, por exemplo, facendo un traballo duro a altas temperaturas paréceme tan meritorio como non perder a cordialidade de cara ao público en situacións de estrés. Admiro polo tanto o bo carácter de moito persoal da hostalería que tantas veces ten que aturar, por enriba do sobreesforzo, esixencias tiranas por parte da clientela. Non resulta difícil entender reaccións como as da camareira que, logo de esquivar coa bandexa chea de consumicións unha nena que se lle meteu diante de xeito repentino, tivo que demandar varias veces a atención dunha mesa que, ensimesmada nos seus teléfonos móbiles, parecía considerar secundario decidir que ían tomar. 

Non me estrañan polo tanto eses malos humores puntuais provocados nestas datas por aglomeracións, exceso de traballo ou incomodidades estacionais. O que me admira é a capacidade que algunha xente ten para enfadarse cando é ela a que está de vacacións. Velaí senón a impaciencia nas colas, os bucinazos conducindo ou a intolerancia na praia. Tamén a colección de comentarios despectivos a respecto do lugar que se visita –xentilicios, distancias a respecto da metrópole, lugares comúns e outras historias–, que acostuman equilibrar a partes iguais ignorancia e xenofobia. No último hotel no que estiven tiven que agardar a que unha señora, por unha banda, e un pai de familia (o rol así o facía pensar) pola outra, acabasen de reprender, con considerábel violencia verbal, as persoas que atendían na recepción. O seu grao de indignación contrastaba coa puerilidade das demandas. Unha vez protestado sen éxito no hotel, de seguro que seguirían queixándose pola demora e o servizo do xantar, polos prezos, polas ringleiras, pola falla de espazo para aparcar, pola torpeza doutros condutores, polo ruído, pola batería do móbil que non aguanta. Seguirán buscando vítimas para un mal humor que levan canda eles de vacacións. Na súa bagaxe meteron tamén todo un ridículo argumentario para xustificar o seu anoxo. Así era o que me pretendía expor un enfadadísimo señor que comezou a berrar comigo por, ao parecer, metérmelle diante —a miña versión non coincide– cando me acheguei a mirar a carta dun restaurante. Todo un exemplo de relax o daquel home que, se por algo me quedou gravado, foi pola insistencia en me explicar as razóns da súa indignación e, sobre todo, as supostas regras que seica unha debe seguir cando mira un menú. Sendo o lecer do verán un ben prezado e, no contexto laboral no que vivimos, case un privilexio, non acabo de entender como hai tantas persoas que levan o mal humor a todos os lados e roñan incesantemente por canto acontece nas vacacións. Tamén pola proximidade do seu remate.

Os malhumorados do verán
Comentarios
ç