domingo. 18.04.2021 |
El tiempo
domingo. 18.04.2021
El tiempo

Outra lembranza de Fidel

DUN XEITO ou doutro, e para mellor ou para peor, todos recordamos nestas semanas a Fidel Castro. Alen da lembranza histórica, que axudaron a pór ao día materiais audiovisuais diversos, fomos quen de asociar algún feito á nosa biografía persoal: un acontecemento, unha frase, unha imaxe ou talvez unha vivencia na illa. Tal acostuma acontecer coas grandes figuras da historia, capaces abrir, tirando do fío dunha anécdota indelébel, a comporta da memoria.

No meu caso foi a música e, en concreto unha canción que os medios repetiron nas horas posteriores á morte do líder cubano, por considerala unha axeitada crónica da Revolución contada desde a propia Revolución. Trátase de ‘Y en eso llegó Fidel’, cuxo retrouso, "Llegó el comandante y mandó a parar", conseguiu infiltrarse e permanecer durante tempo na fraseoloxía cotiá. A canción de ritmo pegadizo levoume a sacar —literalmente— o po a un disco que repousaba á beira dos de Víctor Jara, Quilapayún, Silvio Rodríguez, Pablo Milanés, Paco Ibáñez, Lluis Llach, José Afonso e outros: unha pequena colección de cantautores cuxas letras alimentraron hai décadas a miña sede de mensaxes revolucionarias e que hoxe en día aínda poño de cando en vez. 

Era o cd en cuestión un álbum de Carlos Puebla y sus Tradicionales, austeramente editado, e adquirido en La Habana no final do milenio. Volvín escoitar, animada polo castrismo destes días, cancións que, á beira da mencionada, e tamén da solemne ‘Hasta siempre, Comandante’, difundían de maneira explícita, e en ocasións humorística, os valores, os logros e as consignas da Revolución, desde a Emiliana, que "como cubana / es un ejemplo y es un honor" até o ‘Canto a Camilo Torre’", pasando pola reivindicación de "nuestro vino / de plátano, nuestro vino / y si sale agrio / es nuestro vino", da guajira ‘Yo sigo siendo cubano’; desde a celebración de que "para su bien o para su mal / la cosa con Cuba es de igual a igual" até a proclama "para nosotros siempre es 26".

Algúns refráns fannos hoxe sorrir pola simplicidade, o maniqueísmo e mesmo a inxenuidade da mensaxe que transmiten: "Cordura míster Kissinger / míster mucha cordura / y recuerde que hablar bien / conserva la dentadura", ou "Cómo no me voy a reír de la OEA / que es una cosa tan fea/ tan fea que causa risa". Son no entanto esoutra banda sonora de Cuba, menos coñecida de seguro entre a poboación máis nova, mesmo entre a que canta nas xuntanzas ‘Grândola, vila morena’ e ‘Bela ciao’. Axudan a comprender outra linguaxe —diferente á aquela na que fomos adestradas— do poder e, no seu conxunto, constitúen unha crónica da Revolución escrita, verso a verso, por un Carlos Puebla que cantou, a ritmo de guaracha, "De Cuba traigo un cantar / hecho de palma y de sol / cantar de la vida nueva / y de trabajo creador".

Outra lembranza de Fidel
Comentarios
ç