Opinión

Outra vida posíbel

A SEMANA pasada abriu unha nova libraría en Compostela. A apertura dunha libraría é sempre unha boa nova para unha cidade demasiado afeita nos últimos anos a trocar negocios tradicionais por franquías e tendas de mercadoría para o turismo. Neste mes de xuño que deixamos atrás, pechou definitivamente a porta a mítica libraría Toural, logo de case unha centuria de vida dentro e tamén fóra do seu emblemático e concorrido escaparate. Anos antes fixérano empresas históricas como Gali ou González. Outras, cunha traxectoria máis reducida no tempo, tiveron que facer fronte a adversidades económicas e, con fortuna, lograron unha renovación que as foi mantendo a flote. A crónica non é diferente á que se podería escribir noutras cidades e vilas de Galicia, onde vimos, nos últimos anos, como moitas librarías botaban o cadeado e, tan só de cando en vez, algunha empresa nova ou anovada emerxía con novos folgos. Son tempos de crise, é sabido, pero tamén de desamparo institucional para un sector ameazado dun tempo a esta parte por novos modos de venda que non teñen por que desterrar a tan necesaria figura da libreira ou o libreiro. A atención personalizada, isto é, o asesoramento e o parrafeo sobre a mercadoría e tamén sobre o mundo, semella seguir sendo o gran potencial dos pequenos e medianos negocios, sexan librarías, froitarías ou tendas de delicatessen. No caso das librarías, a palabra de quen as rexenta é tamén a súa alma. Esa que con mestría describiu Manuel Rivas na recente e magnífica novela O último día de Terranova

A libraría que abriu a semana pasada, Chan da Pólvora, ten ademais unha característica que de seguro que non suma puntos nos estudos de mercado: a especialización en poesía. Se manter un pequeno negocio de libros, é dicir, de cultura, nunha cidade resulta hoxe en día difícil, máis aínda parece manter unha tenda de poesía, ese xénero que supostamente tan pouca xente le, ese xénero tan pouco vendíbel e tantas veces ausente en andeis e catálogos de novidades onde predominan, iso si, as longas narracións de aventuras, os libros de autoaxuda e a literatura do famoseo. O tempo revelará fortuna dunha libraría especializada en poesía que crea ademais un selo propio, co mesmo nome. Entre tanto, a noticia da súa apertura é ilusionante mesmo nunha cidade na que sobreviven algunhas librarías, especializadas ou non, que contan cun nutrido fondo. Alén da incidencia na difusión da poesía, como empresa e como espazo cultural, Chan da Pólvora favorecerá, igual que o están a facer outros negocios que se (rei)nventan botando man da imaxinación e en ocasións do saber herdado, a diversidade dun ecosistema sacudido polas tendencias máis agresivas do mercado. Sorte a todos eles. Sorte a todas as apostas por imaxinar outros xeitos de venda e tamén de vida.

Comentarios