miércoles. 21.04.2021 |
El tiempo
miércoles. 21.04.2021
El tiempo

Postais do verán

NON ACOSTUMO facer sitio á nostalxia no verán. Non senta ben coa calor e tampouco parece moi compatíbel nin co balbordo da estación nin co letargo institucional que acaba, queirámolo ou non, ralentizando o decorrer da vida. A nostalxia semella máis propia da luz outoniza ou da chuvia incesante do inverno que destes días claros e longos nos que dinamitar a rutina semella unha obriga. Non teño por hábito, como digo, dedicar estas xornadas de lecer á nostalxia por moito que ela, xunto con algúns recordos teimudos do pasado, pete á porta para me facer consciente unhas veces da perda, outras do paso do tempo. Entre esas imaxes que de cando en cando volven, asociadas ao estío, está a de abrir a caixa de correos e atopar un sobre ou unha tarxeta postal ao meu nome.

Hai anos que as cartas autógrafas enviadas por correo postal pasaron a ser unha excepción. A correspondencia persoal, cada vez máis escasa, limítase a cartas comerciais que no verán se reducen de maneira notoria. O decrecemento vacacional víase noutrora compensado por cartas de puño e letra remitidas por amigas e algún amigo desde a (por veces relativa) distancia. Eran narracións da cotidianeidade e confidencias sobre amoríos, novas amizades e outras descubertas: cartas agardadas nun tempo no que a comunicación se rexía por outras regras. Tanto como as mensaxes amigas esperaba eu as postais chegadas de diferentes lugares do mundo, en ocasións ben preto. A diferenza das cartas, as postais posuían unha dimensión pública tanto a respecto da imaxe que reproducían como do texto nelas escrito, que podía ser lido por todas aquelas mans polas que pasara. Esta posibilidade, xunto co escaso espazo que reservaban para a escritura, facían que o texto disimulase en ocasións referencias íntimas e persoais enmascarándoas en fórmulas aprendidas. As postais, que para moitas persoas eran obxecto de colección, configuraban un mapa dos lugares visitados polas amizades que, cando se trataba de destinos moi populares, acababan volvéndose familiares.

Moitas veces penso como a mensaxería móbil e, sobre todo, as redes sociais, nomeadamente Facebook, foron converténdose nas postais do noso tempo. A posibilidade de enviar imaxes e comentarios en tempo real permítenos compartir cos nosos amigos a viaxe ou a estadía, a aventura, a rutina, a compaña e tamén os estados de ánimo. As novas postais posúen unha dimensión pública incontrolábel que vai moito máis alá da mirada furtiva de quen as manipula e da curiosidade da veciñanza. Son ademais estas mensaxes xenerosas na súa información, ao agasallaren a quen tiver interese con datos exactos sobre as nosas preferencias, os nosos hábitos, a nosa localización e, definitivamente, a nosa privacidade que mal collerían no exiguo espazo da tarxeta de cartón.

Postais do verán
Comentarios
ç