lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

Prexuízos, roles e outras historias

O ANECDOTARIO, propio e alleo, sobre prexuízos en canto aos roles atribuídos ao xénero é inmenso. Amigos que, indo coa súa parella feminina se sentiron absolutamente ignorados nunha tenda de alimentación -non de delicatessen, que iso é diferente- ao ser ela, se cadra desinteresada pola cociña, a destinataria das mensaxes, ou mulleres que foron ninguneadas en ferraxarías, tendas de recambios ou de bricolaxe, serían bos exemplos. A situación en bancos, inmobiliarias e concesionarios pode chegar a resultar embarazosa para parellas formadas por un home e unha muller, con independencia de cal sexa a parte financiadora. Do meu particular arquivo recataría os episodios que me aconteceron en talleres mecánicos e concesionarios. Nos primeiros, non é a primeira vez que o meu diagnóstico, por veces acertado, era desbotado polo sorriso socarrón do operario. Nos segundos, tiven que escoitar, cando estaba a percorrer estabelecementos diversos, cousas como "por que non buscas un coche máis pequeno, para ti?", "para que queres tantos cabalos?", "vós non vos fixades nas lamias", "asentos deportivos? ah", ou, aínda mellor: "de mirares un modelo nesa liña por que non miras o tal, que lle gusta moito ás mulleres?".

Pódeseme dicir, e quizais con razón, que os comportamentos que acabo de enumerar son excepción e non norma, ou tamén que para unha boa parte da xente pasan desapercibidos. Pódeseme argumentar que a miúdo somos as mulleres as que nos ocupamos do fogar e que a escena dun vendedor explicando as virtudes dun vehículo ao home mentres ela permanece nun segundo plano segue a ser habitual. É verdade que actitudes como a dun membro da -daquela- APA do meu colexio público que erguía a voz, a comezos dos anos oitenta, para dicir que as mulleres non debían votar na asemblea quedan lonxe, coa excepción dos exabruptos irados e illados de cando en vez emiten políticos e bispos.

A cuestión dos roles e o xénero é algo que hoxe en día un bo vendedor coida, que as campañas pola igualdade -algunha delas magnífica- traballan, e que estarán moi presentes nos discursos que se van escoitar nesta semana con motivo do Día da Muller. O recoñecemento do perigo que tales prexuízos supoñen para a integridade das mulleres ten que ser asumido polas institucións como base imprescindíbel para erradicar a violencia de xénero. Imaxes como a que representou a infanta Cristina no transcurso do xuízo polo caso Nóos, ao explicar como se deixou levar polo seu home, desinteresada pola economía familiar e ocupada nas cousas do fogar, talvez resulten eficaces para a súa defensa, pero non axudan moito, tendo en conta ademais a dimensión mediática, a cuestionar os prexuízos que seguen a comprometer a verdadeira igualdade entre os xéneros.

Prexuízos, roles e outras historias
Comentarios
ç