lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

Privacidade de extremo a extremo

A POPULAR aplicación WhatsApp anunciou hai uns días a activación do cifrado de extremo a extremo de mensaxes, o que implica, de ser verdade, que estas tan só poderán ser lidas por quen as emite e quen as recibe. Digo de ser verdade porque, en materia de seguridade, a unha sempre lle entra a desconfianza, e máis en tempos nos que se nos aboca a entregar parcelas importantes de vida privada a cambio —xa se ve— dun mundo máis seguro.

O temor á espionaxe nas ferramentas que acotío utilizamos para nos comunicar semella ir desaparecendo a medida que aumenta a nosa familiaridade con elas. As precaucións que inicialmente existían, por exemplo, co emprego do correo electrónico fóronse limitando pouco a pouco a consellos básicos como o de poñer en copia oculta enderezos en envíos masivos, vixiar os termos do que escribimos en ‘'asunto’' ou, como moito, evitar pór na mensaxe información que poida resultar comprometedora. O temor a que, no proceso de envío, o noso correo sexa lido por terceiras persoas é desde hai tempo unha anécdota antes que unha preocupación real. Os numerosos correos electrónicos almacenados nos sumarios de moitas das causas abertas por corrupción e outros males confirman ben o nivel de relaxación. Diferente é o caso da mensaxería inmediata que, precisamente pola súa condición, leva dado máis dun desgusto ao ofrecer, por exemplo, información tan privada como a hora da nosa última conexión. No fondo da cuestión está o prezo que a sociedade está disposta a pagar por unha comunicación que até non hai moito resultaba impensábel. E tamén unha certeza que moitas veces preferimos esquecer: o que terceiras persoas acaban sabendo de nós.

Do encriptamento anunciado por WhatsApp chama a atención a propia mensaxe que o comunica: "Las llamadas y mensajes enviados a este chat ahora están más seguros con cifrado de extremo a extremo, lo que significa que WhatsApp y terceros no los pueden escuchar o leer". A indiscutíbel boa nova —insisto, de ser certa— vese no entanto embazada por unha referencia temporal que produce algo de desacougo: ese agora. Se agora as nosas comunicacións están máis seguras debemos entender que antes non o estaban? E, se agora ninguén pode ler as nosas mensaxes nin escoitar as conversas, quen podía facelo antes? Quen o estaba a facer? A noticia leva tamén a preguntarnos que relación garda esta decisión coas medidas de control que algúns gobernos están a solicitar e que vulneran de maneira clara, e en aras dese mundo máis seguro, o dereito á intimidade? Poderán ser desencriptadas as mensaxes por unha orde xudicial? Son moitas as preguntas que agroman nun mercado inzado de intereses no que se está a trocar, en especie, privacidade por ilusión de seguridade.

Privacidade de extremo a extremo
Comentarios
ç