Opinión

Propaganda

CÓNTOO DE CANDO en vez, porque me gusta recordalo. Entre as preferencias televisivas da miña infancia estiveron sempre, á beira de La casa del reloj, de Heidi, de Marco ou de La casa de la pradera, os anuncios. Son quen de verme sentada fonte a unha televisión Inter en branco e negro, con máis interferencias que programas, agardando impaciente polos descansos para ver a publicidade. Daquela propaganda recordo imaxes soltas, algúns slogans e bastantes melodías. Non era, por suposto, consciente nin das mensaxes que aqueles microespazos inoculaban nunha sociedade que estaba adquirir novos hábitos de consumo, nin tampouco dos valores que transmitían. O sexismo, o clasismo, a incitación á velocidade ou ao consumo de alcol pasaban desapercibidos malia estaren representados de maneira explícita e non disfrazada, como acontece na publicidade actual. En calquera caso, aqueles anuncios formaban parte dun universo de ficción que a televisión introducía durante unhas horas, non moitas, nos nosos fogares.

Descoñezo se o feito de que a publicidade estivese tan presente nas primeiras linguaxes audiovisuais que aprendín me deixou secuelas importantes na vida adulta. Como consumidora de publicidade televisiva volvinme, por fortuna, selectiva e crítica. Sigo a gozar coa beleza dalgúns spots e alegroume ver como algúns deles comezaron a circular por internet desprovistos da súa función, como se de pequenas curtas de ficción se tratase. Andando os anos, e melloradas as calidades da impresión até un punto que non chegamos a soñar, os ollos fóronme parar tamén aos anuncios das revistas, algúns deles tan fermosos como verdadeiramente sorprendentes.

A ninguén se lle escapa -a ninguén?- a centralidade que a propaganda ten na actualidade, tanto na economía como na política. A publicidade reborda ademais os espazos que lle son propios e infíltrase perigosamente noutros, inagardados. Non falo agora do coche, o refresco ou o perfume que vemos na televisión, en internet ou nos valados, senón desoutros produtos que se nos pretenden ‘vender’ nas páxinas institucionais, nos discursos políticos e mesmo nos xornais. Falo das glorias que se cantan acotío, das inauguracións, da excelencia dos servizos, das remodelacións de gobernos para o ben da cidadanía e de slogans repetidos, como mantras, até o aborrecemento. Igual é que a publicidade, calquera que sexa, debe ser eficiente e, ou ben non notarse demasiado que o é, ou ben capturar até o punto de que, aínda sabendo que o é, sexamos capaces de deixarnos levar por ela. Algo semellante ao que ocorre na ficción. Igual tamén é que, con independencia dos anuncios que vísemos cando nenas, o tempo vainos facendo máis descridas e acoirazándonos en fortalezas nas que só queremos deixar entrar o enxeño e a beleza.

Comentarios