Opinión

A rabia como conselleira

A RABIA foi sempre mala conselleira. Adoitan ser parcas as musas en repartir elegancia na práctica do descrédito, un xénero difícil de seu que limita polo norte co insulto e polo mediodía coa puerilidade. Poucas reflexións profundas e, sobre todo, prácticas, levan saído da carraxe. Antes saíron destrución masiva -ou selectiva, segundo os casos- e fendas abismais. Contadas veces as musas iradas son propicias e poucas o armamento verbal atina con precisión, contundencia e, moito menos, gusto estético. Será por iso polo que a sabedoría popular sentenciou que ofende quen pode e non quen quere.

A xente semella no entanto empeñada en ofender, unhas veces levada efectivamente pola rabia nas súas diferentes manifestacións, outras pola irracionalidade. No espazo público das últimas semanas foron moi numerosos os exemplos de descualificacións que non parecen obedecer a máis obxectivo que o desgaste e o dano. O descrédito, adobiado en ocasións coa aldraxe, aflorou en moitas lecturas dos resultados electorais feitas tanto no ámbito catalán como no estatal e no galego. A retórica do vituperio foi empregada para explicar fracasos nas grandes partidas nas que se disputou o capital político. De maneira sorprendente, a crítica iracunda infiltrouse tamén no tecido de mensaxes de Nadal e Aninovo que ocuparon a esfera pública. Fíxoo para atacar a organización de celebracións tan populares como as cabalgatas de Reis. Ao arrimo dos sectores máis conservadores, arremeteu con dureza e escasísima elegancia contra iniciativas como as levadas a cabo en Valencia, coas Raíñas Magas, en Madrid, coas mudanzas nunha celebración que apostou pola diversidade e, para non quedar atrás e mimetizarse coa capital, tamén en Santiago de Compostela. As críticas, que botaron man recorrentemente do insulto (parida, disparate, raíñas magas feas, gordas e con aspecto de prostitutas de western), e de puerilidades varias para divertimento das redes sociais, aferráronse a unha tradición asentada en valores relixiosos e presentada como inamovíbel. Parapetadas tras a ameaza do laicismo e o temor a calquera discurso novo, non só cargaron contra a diferenza senón que enunciaron perigosísimas ofensas sexistas nun país no que a violencia de xénero debera ser máis preocupante que o traxe de Baltasar.

Sexa na poxa polo capital político, sexa na utilización política dunha cabalgata de Reis, a rabia é sempre mala conselleira. Alén de sementar crispación, coa súa retórica as máis das veces groseira e infantil vai comendo a arquitectura da linguaxe, facendo que as palabras perdan a súa cor e se volvan planas, apenas significantes. A rabia contamina os discursos e distrae, co seu xogo perverso, dos verdadeiros problemas que urxe resolver.

Comentarios