Opinión

Rosa non

ROSA NON, señores, e tamén algunhas señoras, ben intencionadas todas, de seguro, e dispostas en achegar un gran de area á loita contra o cancro, en particular, contra o cancro de mama. Benvidas sexan todas as iniciativas, pero o rosa non é a cor. Tampouco o é o negro, se é o que están a pensar, pois hai esperanza, pero o rosa non. Demasiadas son as connotacións de xénero que esta cor posúe e, só por iso, non é de estrañar que a súa xeneralización, asociada á loita contra o cancro de mama provoque rexeitamentos. O cancro de mama non é un argumento dun conto de princesas, nin unha enfermidade á que haxa que facer fronte con ‘glamour’ -isto é, creando a necesidade de sentirse ben, atractiva, fermosa, muller- senón con outras estratexias.

Non deixa de resultar sorprendente o tratamento individualizado que duns anos a esta parte está a recibir o cancro de mama, e non estou a falar agora de medicina senón de medios de comunicación e de marketing. Na utilización -nunca desinteresada- que del fixo a industria cosmética botou man de estereotipos sexistas que, baixo a cobertura da boa intención, configuraron un modelo de muller obxecto afastado da realidade das mulleres anónimas que sofren a enfermidade. Non falo de artistas guapas, ricas e famosas que, na ficción, afrontan o cancro con actitude exultante e son quen de mostran o seu semblante esplendoroso grazas aos efectos deste ou destoutro avance da industria cosmética. Non falo daquelas que exhiben todo aquilo que a sociedade, como mulleres, agarda delas, senón as que levan na mirada a tristeza por non poderen facelo e o temor ás represalias que a sociedade, tantas veces hipócrita, poida tomar contra elas. Falo das que non poden facer fronte ás tarefas da casa, ao coidado dos fillos e, se cadra dos maiores, das que sofren discriminación laboral polo deterioro da súa imaxe, das que nin o glamour nin a cosmética son quen de consolar.

A verdadeira diferenza entre o cancro de mama e outros cancros é que este ataca de xeito destrutivo os patróns máis sexistas da feminidade. Quen o sofre é polo tanto unha dobre vítima, como doente e como muller. As mulleres enfermas de cancro de mama non precisan a concienciación que os lazos rosa pretenden. O que precisan é, por unha banda, atención, tratamentos, asistencia, investigación, isto é, diñeiro en capítulos onde non é ético recortar. Por outra, precisan servizos sociais e tamén xurídicos que as protexan no fogar e no traballo. E por último, precisan un cambio de mentalidade que terá que comezar por derrubar non poucos tópicos sobre a muller e os seus roles. A verdadeira solidariedade coas enfermas de cancro debera estar antes nas oficinas de igualdade que nas revistas do corazón. Rosa non, daquela. Lila mellor.

Comentarios