lunes. 17.05.2021 |
El tiempo
lunes. 17.05.2021
El tiempo

Tan lonxe, tan preto?

NUNCA ESTIVEN en Lahore e, máis alá dunha cartografía e algunhas imaxes, descoñezo a xeografía de Pakistán. Tampouco me cadrou pisar as rúas de Damasco, nin de Beirut, nin de Dhaka, nin de Ankara, nin de Qubba, nin de Kalalabad. Algúns destes lugares son destinos nos que levo pensado, aínda que só for na axencia de viaxes dos soños. Doutras localidades nin sequera lembraba oír falar antes de que o seu nome aparecese asociado nos informativos ao dun atentado. Neste mundo global e xebrado a toponimia escríbese demasiadas veces con sangue ou con cascallos dunha catástrofe. Cando non, ignórase ou evócase como nomenclatura exótica e ignota. Tal é o mapa do mundo.

Onde si me cadrou estar, e non hai moito, foi en Bruxelas, no seu aeroporto e no chamado desde hai algún tempo Barrio Europeo. Recoñezo que me impactou ver os corpos das vítimas tirados na rúa pola que eu pasara para coller o metro que explotou. Impactoume pola crueza, pero tamén por unha proximidade derivada do feito ter eu pasado por alí e pisado aquelas lousas. A mesma conmoción que sentiría, imaxino, se vise cubertos por un cento de cadáveres o chan dun mercado de Bagdad polo que eu paseara un día a miña curiosidade viaxeira.

Comprendo polo tanto a proximidade que nos leva a espantarnos e mostrar a nosa solidariedade ante un atentado brutal que, lonxe de ter lugar nunhas coordenadas afastadas, acontece á beira da casa e, como se repetiu até a saciedade, no corazón de Europa. Podo chegar a entender razóns patrióticas, políticas e relixiosas que avalen a empatía coas vítimas e tamén o rexeitamento que se vén mostrando ao longo destas semanas. Outra cousa diferente é o pavor que me producen, o igual que as bombas, os brotes de racismo que están a xurdir en órganos vitais desa Europa que, ao tempo que enxuga as súas bágoas, reforza fronteiras e repele, cal se dunha praga se tratase, os refuxiados. Da mesma maneira, tampouco son amiga dos je suis cando estes se restrinxen a Bruxelas ou a París e ignoran que, case ao mesmo tempo que os ataques á capital belga, a cidade paquistaní de Lahore era vítima dun atentado que cobraba mais de setenta vítimas mortais. Unhas vítimas que, na vella, ferida e tamén insolidaria Europa, ninguén chora nin reivindica nin homenaxea benintencionadamente con ningún je suis. É esa a razón pola que, aínda compartindo o horror e a dor por un brutal ataque dirixido contra a poboación civil de Bruxelas, París, Madrid ou Londres, non me sinta cómoda coa centralidade que as informacións e as homenaxes están a ter na actualidade informativa e política, se a comparamos co silencio que a morte igualmente violenta e indiscriminada está a ter noutros lugares que ninguén recorda. A proximidade semella a unidade de medida da dor. Tal é o mapa do mundo.

Tan lonxe, tan preto?
Comentarios
ç