Opinión

Vivir da escritura

O DE ESCRIBIR foi sempre un oficio atractivo. A idealización do escritor e, nalgúns casos, aínda non todos, tamén da escritora, asenta nun imaxinario a miúdo de inspiración romántica que relaciona esta figura coa soidade, os ímpetos, as paixóns, a bohemia e a viaxe demorada por vizosos paraísos interiores. É verdade que o oficio da escritura se relaciona tamén, e de maneira especial nos últimos anos, coa visibilidade nos medios de comunicación e nas redes sociais, coa presenza en institucións e eventos e, en definitiva, coa popularidade. A crónica fotográfica desta época dá boa conta destoutra face, a pública, a social, da literatura. Non obstante, son poucas as ocasións nas que o oficio da escritura se asocia co éxito económico. Os referentes que posuímos a este respecto veñen de autoras e, sobre todo, autores de libros de sona internacional, preferentemente de grosas triloxías ou series coas que fidelizan o seu público, e tamén dalgunhas voces galardoadas cos premios máis contiosos. Entre nós, e no que a distincións se refire, o atractivo de quen escribe emana antes do capital simbólico que do económico e, agás contadísimas excepcións, o soño do escritor -menos aínda da escritora-, se algunha vez existíu, esvaeceuse axiña.

Hai uns días coñeceuse a noticia da denuncia por parte dalgúns autores xubilados, como Antonio Gamoneda ou José Manuel Caballero Bonald, das sancións recibidas polo feito de percibiren, ao tempo que a pensión, os seus dereitos de autor. A reforma das pensións aprobada polo Goberno agora en funcións non permite a un pensionista recibir, en concepto de dereitos de autor, unha cantidade que supere o salario mínimo interprofesional, de xeito que cobrar máis de 9.000 euros anuais polos libros vendidos obrigaría a estas persoas a renunciar á pensión. O cruzamento de información, desta volta entre a Tesourería da Seguridad Social e Facenda, funcionou de maneira áxil no país das mil e unha bases de datos. Con independencia do debate que poida existir acerca dos dereitos de autoría, o certo é unha lei coma esta pode condenar á precariedade a aqueles escritores que non renuncien ao oficio na súa etapa de madurez.

Nun país no que o latrocinio semella o deporte nacional e no que o diñeiro negro é moeda corrente, a medida non só parece inxusta senón ridícula. O sistema que agasalla con amnistías fiscais e protexe coas súas engrenaxes defraudadores ‘premium’ persegue e criminaliza a quen escribe. Todo un exemplo de compromiso cunha cultura que tantas veces se exhibe como credencial e se emprega como cosmético. Entre nós, lemos a noticia con estupor e unha certa incredulidade, ao tempo que soñamos, de cando en vez, cun mundo -chamémoslle estado ou sistema (literario)- no que a escritura sexa un oficio posíbel.

Comentarios