domingo. 16.05.2021 |
El tiempo
domingo. 16.05.2021
El tiempo

Xornalismo e literatura

O XORNALISMO foi materia que alimentou sempre a ficción. Non estou a pensar unicamente nas novelas de reportaxe e investigación, isto é, na ‘non fiction novel’ que tanto éxito acadou a partir da década dos sesenta do pasado século, senón sobre todo na fortuna que a figura do xornalista -unha vez máis, case nunca a xornalista- tivo na narrativa. Se atendemos ao cine ou ao audiovisual, comprobaremos a presenza de personaxes a medio camiño entre a escritura, a investigación e a vida social que, nos últimos anos, foron configurando unha visión talvez non demasiado realista da profesión a través das series de televisión. A realidade dun oficio que tenta sobrevivir a Eres, despedimentos, dista bastante da visión idealizada dunha boa parte das ficcións.

A literatura galega, no acelerado desenvolvemento que experimentou dos comezos da década dos oitenta en diante, incorporou tamén o personaxe do xornalista ao seu catálogo. A que acostuma ser citada como unha das obras renovadoras da narrativa do período democrático, e a primeira novela negra galega, ‘Crime en Compostela’ (1984) de Carlos Reigosa, comparte o protagonismo do detective Nivardo Castro co do xornalista Carlos Conde. O motivo do xornalismo enriqueceuse cos patróns da novela de non ficción, dando lugar a obras que recrearon episodios adormecidos na memoria colectiva. ‘Unha historia que non vou contar’ (2009), de Cid Cabido sería un exemplo desta narrativa a medio camiño entre a crónica e a novela. Outro modelo que agromou na literatura galega foi o da novela protagonizada pola cotidianeidade dunha profesional, como acontece no caso de ‘Dende o conflito’, de María Reimóndez. Por constituír unha fotografía do presente, cómpre destacar tamén ‘Todos os días’ (2013), de Alberto Ramos, protagonizada por un xornalista no paro logo do peche do diario no que traballaba.

A relación entre literatura e xornalismo volveu ser abordada en ‘De remate’ (2015), de Héctor Cajaraville, unha novela que achega unha singular perspectiva. A atención céntrase neste caso no xornalismo de opinión. O libro preséntasenos como unha escolma de artigos de Bieito Sanmarful, editada anos despois da súa morte. A verdadeira orixinalidade radica na estrutura da obra, que complementa os textos seleccionados con borradores, correspondencia mantida coas súas seguidoras e seguidores e reflexións persoais, a xeito de diario. Ademais de permitiren reconstruír a historia do protagonista, estoutros escritos achégannos de maneira global ao exercicio do xornalismo de opinión, desde a xestación dos textos até a súa recepción. Ao valor desta arquitectura cómpre engadir aínda a calidade das propias columnas de opinión, atravesadas pola erudición, a ironía e o humor. Artigos e apuntamentos ofrecen unha interesante visión non só do oficio do xornalismo senón tamén, e xa que dun escritor falamos, da cultura galega.

Xornalismo e literatura
Comentarios
ç