Opinión

A culpa tena Procusto

TODAS E todos temos algo de Procusto. Ben saben, segundo a mitoloxía grega, o pousadeiro bandido que acostumaba adaptar os hóspedes ao tamaño do leito. Ningún sobrevivía porque seica dispuña de dúas camas, unha grande e outra pequena, na pequena deitaba os altos e reservaba a grande para os baixiños. Así, segundo o caso, cortáballes a cabeza e os pés ou estalicábaos até desmembralos. As súas maldades remataron cando Teseo lle fixo probar a propia medicina. 

Que teñamos un pouco de Procusto, é dicir, que pretendamos axustar de cando en vez as persoas aos nosos parámetros, non é o mesmo que padecer a síndrome de Procusto (estirador), tamén chamado Damastes (controlador ou avasalador) entre outros alcumes denotativos das súas actividades. 

Xamais xustificarei a violencia, sexa da caste que sexa; teño a firme vontade de non practicala nunca; mais non me custa caro entender a carraxe, o desespero e a consecuente agresividade de moitos rebeldes con causa, aínda que a causa, no fondo, non sexa aquela pola que están a protestar. Ou si, mais a rabia ten outra orixe. Digamos que esa batería non a cargaron as proclamas acesas de calquera ideario, senón os feitos que, é ben sabido, son o mellor modo de predicar. 

Hoxe en día, a xente nova séntese estafada. Dixémoslles que se preparase para a vida, que se se esforzaba sairía adiante. Porén, non albisca outro horizonte que coller as maletas para se estirar ou encoller no leito de todos os Procustos que no mundo son. 

A síndrome de Procusto padécea quen, sentíndose inferior a alguén, compensa a súa mediocridade menosprezándoo, ocultándoo, ignorándoo (declínese tamén en feminino, claro) e, se pode, zugándolle o froito do traballo. 

Hai Procustos colectivos ou, se o prefiren, colectivos de Procustos. Abonda comprobar o sectarismo de certas institucións que pagamos todas e todos os galegos para ver o feo rostro do controlador nun cadro ben semellante á Nave dos Tolos que pintou o Bosco. 

Semellará que mesturo allos con bugallos; mais non é ese o meu propósito, senón recordar dúas cousas: A primeira, que a violencia pare violencia. É violencia que se siga impoñendo un modelo neoliberal nun mundo que, a cadora máis, ten que ser unha outra cousa que haberá que deseñar entre todos, porque este non é xusto nin equitativo e ademais é incompatíbel co ecoloxismo. 

A segunda, que en moitos ámbitos que queren representar a orde e o sentidiño, practican tamén unha das peores violencias, a de descualificar e condenar ao ostracismo a quen consideran fóra da súa ortodoxia e, sobre todo, da súa obediencia. 

En paz, sen violencia, coa palabra, Teseo seremos nós.

Comentarios