Opinión

A grande impostora

Son dúas, a verdadeira e a falsa. Cúmprense na segunda as palabras de Madame Roland cando, antes de pousar no cepo a cabeza que lle ían rabenar, mirando para a estatua de arxila situada na que chamaban Praza da Revolución, exclamou: "Oh, Liberdade, cantos crimes se cometen no teu nome!".

Sen dúbida, o nome é sedutor; mais cómpre non usalo para designar todo o contrario do concepto co que se corresponde. Na primeira das acepcións, o dicionario da RAG, define ‘liberdade’ como "dereito e posibilidade de poder actuar unha persoa segundo os propios criterios e de decidir por ela mesma aquilo que lle atinxe, sen estar sometida ás imposicións doutros". Por tanto, de dúas, unha: ou está mal a definición, ou moi poucas veces somos libres. Agás que non nos importe vulnerar os dereitos da humanidade e da terra, á fin os mesmos.

A cousa é doada de entender. Ao capitalismo que nos trouxo até o punto en que estamos consentíuselle todo. Falo tanto do capitalismo de Estado como do particular. A produción ilimitada, o consumo irracional inducido, a competencia a custa do que sexa, non se poden discutir porque atinxen aos intereses dalgunhas persoas e, xa se sabe, iso chámase liberdade por definición.

É, xa que logo, un dereito contaminar, especular e acaparar para subir os prezos, mesmo sen ter en conta á poboación, cadora máis numerosa, que non pode acceder a unha vida minimamente digna. É un dereito investir en armamento e deseñar novos artefactos para a morte, en troques de investigar e conseguir remedio ás doenzas hoxe incurábeis. É un dereito esquilmar os recursos dos países pobres e pecharlles a porta cando intentan cruzala para fuxir dun final inminente por fame ou guerra.

Unha política, ben coñecidas as súas formulacións disparatadas, gañou a presidencia da súa autonomía invocando a liberdade. Polo que sabemos, liberdade precisada dun exhaustivo exercicio de identificación porque ten toda a pinta de ser a impostora.

A outra, a verdadeira, é a que non sacrifica nin persoas nin natureza por diñeiro. Sabe que son o seu hábitat —o da propia liberdade— e que, lonxe delas, só é posíbel a escravitude.

Semella evidente, segundo os científicos, que as vagas de calor e os incendios propiciados por elas, son consecuencia do cambio climático. Onde está o dereito da poboación prexudicada por estes desastres? Que liberdade lles queda?

Quen ten poder de decisión, ignora a quen sabe. Quen sabe, non ten poder de decisión. Ese poder outórgao o pobo que vota. Esixir que preserven a vida para pasárllela aos nosos fillos e aos fillos dos nosos fillos, é liberdade.

Comentarios