Opinión

A lección de Xudas

Intrígame o personaxe que, segundo a historia evanxélica, vendeu a Cristo por 30 moedas. O curioso é que só o coñecemos verdadeiramente cando leva a cabo tamaña felonía. Custa pensar que o Mestre non tivera observado antes nel unha personalidade falsa, mentireira e, sen dúbida, narcisista. Porque estas cousas non suceden de súpeto, véñense fraguando como as treboadas cando as condicións son propicias.

A primeira, o xa amentado narcisismo. Por certo, bastante doado de detectar porque hai unha serie de síntomas que o evidencian. Aínda así, existe unha parte da humanidade proclive a pensar ben, a desculpar e, como consecuencia, a ser vítima destas personalidades tóxicas. 

Por se alguén os descoñece, e non da miña colleita, velaí algúns dos indicios: Aires de superioridade e necesidade de admiración continua. Darlles máis importancia da que teñen aos propios logros. Crerse en todo mellores que os outros. Pretender que as xentes fagan, sen cuestionalo, o que eles ou elas pretenden. Aproveitarse dos demais para conseguir os propios fins. Comportarse con arrogancia, presumir moito e mostrarse fachendoso. Insistir en que o deles é o mellor de todo. Envexar e considerar que son eles ou elas as envexadas. 

Todo o anterior dá como resultado persoas infelices, irritábeis e desdeñosas. E sempre iracundas por mor de demostrar así a súa superioridade. Á fin, a elas cústalles relacionarse e aínda custa máis relacionarse con elas. 

O Iscariote, como todos os outros apóstolos, foi obxecto das ensinanzas e cariños de Xesús; porén, a súa ambición e egoísmo pesaron máis. Se cadra tiña mala memoria. Talvez se consideraba máis libre se esquecía. É posíbel que o traizoado xa o fora antes a niveis menos cruentos e, seguramente, ademais de sabelo xa lle chegaran avisos.

Quen veu salvar a humanidade endexamais se vingaría. Tampouco llelo consentiría aos seus amigos. Secasí, o desgraciado levaba a vinganza en si mesmo. Mágoa. Nunca coñeceremos o que, alén das trinta porcas moedas, o levou ao peor dos naufraxios, o da falta de cariño e respecto no seu paso pola historia. 

Nos tempos de Xudas, que se saiba, non había psiquiatras. Se fose hoxe, talvez alguén con ascendencia sobre el lle tería recomendado acudir a un ou unha destes profesionais. Porque este é un trastorno da personalidade grave cando alcanza altas cotas. O complicado sería que el admitise tal padecemento. 

Custa acreditar na empatía dunha persoa narcisista. Se non nos toca de cerca, mellor fuxir dela coma do lume. Á fin pode envolvernos nun rodopío e arrastrarnos á súa propia confusión. Isto non é egoísmo nin insolidariedade, é supervivencia.

Mesmo Xudas ensina.

Comentarios