Opinión

Ai, Frei Rosendo, a que armou!

O ÚLTIMO que faría é prenderlle lume a un monte. Por moitas razóns das que a principal é non poñer vidas en perigo. Porén, un automóbil vermello me vixiou durante algún tempo cando ía e viña, entre bosques de eucaliptos, da casa ao centro de traballo, hai xa ben tempo. Foi despois de que, inaugurando unhas xornadas culturais en Burela, falase máis de ecoloxía e do manifesto do xefe indio Noath Sealth que doutras cousas que a xente considera cultura por antonomasia. Non era unha paranoia miña, como aventuraban os meus compañeiros e compañeiras. Eles mesmos se renderon ante a evidencia e seméllame posíbel que alguén mediase para disipar calquera sospeita, porque o asunto non foi máis aló.

O certo é que a cultura por antonomasia comeza polo medio ambiente. Como se ten dito, a Terra é un préstamo dos nosos pais para pasárllelo nós aos nosos fillos.

Os eucaliptos dan cartos porque son unha especie de crecemento rápido, mais son tamén unha praga para a terra que colonizan. Consomen moita auga, o que redunda na baixada dos caudais dos ríos. Acaban co sotobosque e con numerosas especies animais que precisan del, así como con diversos nutrientes da terra. Tampouco controlan a erosión cando hai seca. E non vou seguir dando razóns que ben coñecen as persoas que, malia todo, defenden este tipo de plantacións.

Cando Ramón Cabanillas lle chamaba xenericamente ao labrego ‘'Cristo destes tempos'’ e o animaba a subir ao Calvario, estaba a se referir, sobre todo, aos foros e aos caciques e, seguindo co símil relixioso, anunciáballe unha futura redención. Redimíronse os foros e os caciques son diferentes, pero a situación dos labregos non é menos desesperante porque os inimigos cos que teñen que enfrontarse non adoitan dar a cara.

Por iso non é de estrañar que busquen tirarlle proveito aos montes, a procurar algunha saída. Non os culpo. Culpo aos que non lles ofrecen alternativas, aos que, aínda téndomos tantos enxeñeiros de montes, non contratan uns cantos para que asesoren a quen o precisar.

Deume tristura saber que, nun concello en que os veciños protestan pola prohibición de plantar eucaliptais, alguén quixo declarar persoa non grata a un gran loitador pola Terra e a cultura. Semella que non aprendemos nada da historia.

Frei Rosendo Salvado, cando carrexou a semente desde Australia, coidaría traer unha especie exótica e aromática da que algúns plantarían un exemplar nos seus xardíns ou hortos, con fins ornamentais e curadores. Daquela os terreos destinábanse a producir pan e cousas que desen directamente de comer

Non sabía o frade bieito —seica un santo— que nos traía un agasallo envelenado.

Comentarios