Opinión

De alfergas e copas superlativas

OS XASTRES utilizaban uns dedais moi grandes, abertos ou non por riba, chamados alfergas. Por analoxía, tamén lles daban ese nome a unhas copas pequenísimas, coma vasos diminutos, sen pé, das que, ou se daban grolos de paxariño, ou non chegaban máis que para un trago que escasamente mollaba a gorxa. Folga dicir que se destinaban ás mulleres por considerar que bebían, ou debían beber, menos. O contrario estaba mal visto e, como acontecía con outras actividades, facíano equivaler a unha conduta inmoral e libertina.

Neste senso podemos recordar o episodio de La Regenta, a novela de Clarín, cando as tías descobren que Ana Ozores escribe e, segundo a voz narradora, levan a mesma sorpresa que se lle atopasen na mesiña de noite unha pistola, augardente ou tabaco. "¡Una Ozores literata!" – exclaman no colmo da histeria.

Agora as copas son grandes, moi grandes case todas, e o que se lles bote ou non xa nada ten a ver co xénero de quen as consome. Secasí, é ben coñecido que a cantidade recomendábel para as mulleres é, en xeral, inferior á dos homes.

Nestes días de celebracións, é evidente que se abusa do alcohol. Talvez queiramos evadirnos así do inexorábel paso do tempo, cousa que se nos fai máis patente co remate das follas do calendario.

Non lles vou dicir o que deben beber, que xa avisou hai anos Aznar, arrastrando unha miga a lingua, que ninguén se metera niso. Coido que estaban na presentación dun viño nunha adega. Vou, iso si, recordar que hai un límite.

Unha médica dun PAC, que estivo de garda na Noiteboa, atendeu a máis de cen persoas, a maioría con intoxicación etílica. Copas superlativas, sucesivas ou ambas cousas? Xente non afeita a beber ou reincidentes?

Na segunda das hipóteses, cústame comprender que haxa quen queira repetir a desagradábel experiencia dunha resaca, mais a memoria é fráxil e o limiar do exceso cada copa máis borroso.

Talvez se fixésemos coma o poeta Nicanor Parra, que xa cumpriu os 103 anos, e "conversásemos" o que inxerimos, como expresa nas Coplas del vino, non chegaríamos a tales extremos.

Disque a xente nova apenas bebe viño e si, os non abstemios, bebidas espirituosas, de alta graduación. Son boa parte das persoas que prefiren acompañar a comida con Coca-Cola no que coido que é unha herexía gastronómica. A auga ou o viño non solapan os sabores, ese refresco vido dos EE UU, de fórmula secreta, si.

E deixo á parte outros perigos engadidos, como pode ser o do garrafón ou, dito doutro xeito, o do gato por lebre.

Brindemos con tino, xa que logo, polo 2018. Que o mundo non siga a semellar bébedo.

Comentarios