Opinión

Amar é un verbo

CHÁMANLLES verbos bonitos aos que transmiten unha idea positiva, fermosa. Amar, por exemplo. É obvio que a clasificación é subxectiva e moito me parece que haberá lingüistas que nin sequera a consideren. En troques, pararán mentes na que os divide en verbos de estado, de proceso ou de acción. Non é cousa de definilos agora. Hai quen asegura que amar é un verbo de estado. Para min, ou é asemade de acción, ou non responde ao que eu entendo por amar.

Este preámbulo vén a conto da celebración de hoxe, Día das Letras Galegas e, se me permiten o que ten de persoal, 104 aniversario tamén do nacemento de miña nai. Sen dúbida ela concordaba co que digo do verbo amar porque repetía con frecuencia o de “obras son amores...”

Como cada ano, a oficialidade botará bonitos discursos sobre o autor que toca. E mañá será outro día. Outro día para seguirmos a perder falantes por non lle dar o seu espazo á lingua con que os nosos devanceiros e devanceiras nomearon o mundo. Declaracións de amor, as que se precisen; accións positivas, as mínimas e, sobre todo, as toleradas polos que renegan de si mesmos.

Sen que vaia en detrimento da honra que lle debemos e queremos facer a don Antón Fraguas, escritor, profesor, etnógrafo e antropólogo, ao servizo de Galiza, teño que lembrar máis unha vez a don Ricardo Carvalho Calero, o sempre postergado pola Academia. Moitas persoas que alí ocupan cadeira beberon da súa obra malia non recoñecelo. "De ben nacidos...".

Esgrímese a deriva lusista do profesor ferrolán nos seus derradeiros anos como xustificación para non lle outorgar o recoñecemento que merece. Sospeito que non é o verdadeiro motivo, porque foron varios os homenaxeados que, coma el, escribiron parte da súa obra na normativa que a Academia repudia. Certo que el se distinguiu na súa defensa e razóns non lle faltaban. Do achegamento ao mundo da lusofonía (casualmente este termo non figura no dicionario da RAG), o seu espazo natural, medra a posibilidade de comunicación con 250 millóns de falantes.

Por iso me parece moi atinada a idea do binormativismo, proposta que fai a Agal (Asociación Galega da Lingua) e que consistiría en que, ademais da normativa oficial vixente, existise outra máis próxima ao portugués para certos espazos, como os relacionados coa súa proxección internacional. Luxemburgo e Noruega fixeron algo semellante coas súas linguas e poderiamos aprender das súas experiencias.

Dese xeito preservaríanse -aseguran- os dereitos de todo o mundo, tanto desde o punto de vista identitario como do lingüístico. Buscar iniciativas que unan vontades é entender o verbo amar, verbo bonito. "A forza -dixo Coven- está nas nosas diferenzas".

Comentarios