Opinión

Aos que non dubidan

Como meteoritos, son incapaces de modificar a súa traxectoria e están abocados a impactar inexorabelmente contra o que se lles cruce no camiño. 

Dise que a persoa menos indicada para inhumar un morto é o enterrador. Quizais o costume resta sensibilidade para un traballo  que a require en altas doses, por moito que o oficio a supla e por máis que a necesidade obrigue a certo distanciamento.

Xunten agora ambos parágrafos e entenderán por que me refiro aos técnicos, a certos técnicos, como enterradores e meteoritos. Falo dos que fan trazados de estradas e autovías centrándose exclusivamente nas propias estruturas, independentemente do espazo que as ten que acoller. Aínda así, malia todo, algunhas destas obras, prodixios de enxeñaría, esfarélanselles como castelos de area. Mais, non, sapientísimos señores. Miren arredor. 

Ninguén lles vai pedir contas por andar pola natureza como elefantes nunha olaría? Por que son consideradas xentes de orde as que se pregan á súa vocación de Atilas? Por que quen berramos pola natureza e a terra somos sempre persoas sospeitosas? 

Non é preciso -ou si- que aclare que todo o anterior vén a conto da proxectada Rolda Leste de Lugo que, no contorno do río Rato, conforme ao trazado do proxecto, arrasará máis dun quilómetro de carballeiras. Aos amantes do cemento, xa se sabe, isto encántalles. Chámanlle progreso. Certamente, como di un amigo meu con moito humor, todas esas cousas verdes "meten moita bicharía". É ben sabido que somos paiolos para  aqueles e aquelas que ven na natureza atraso, pasado,  e no concreto ou formigón, futuro e modernidade.  

A quen teña poder de decisión pídolle, polo menos, o beneficio da dúbida. Dubiden, por favor. Non se sumen ao impulso cego do meteorito. A solución atinada será a que respecte a vida, unha vida que levou centos de anos construír. Nese senso —perdoen o que ten de persoal—, os canteiros que nos restauraban a cabana con forno, adxacente a unha casa en Xove, advertíronnos do perigo de que as grandes raíces dun freixo case centenario plantado á súa beira  acabasen por derrubala. Non o dubidamos: a reconstrución das paredes de pedra estaba nas nosas mans;   para ver outra árbore semellante a aquela,  non nos alcanzaría a vida. A árbore vedraña segue alí.

Déixense de partidismos:  a casa é común, goberne quen gobernar. Abandonen dunha vez a falacia das maiorías como argumento para xustificar o que é verdadeiro salvaxismo e ignorancia crasa. Porque os pobos máis civilizados son conservadores, na acepción de preservar o que debe ser preservado. Outra cousa ben diferente é sermos reaccionarios, a defender un único principio: "ordeno e mando".

Comentarios