Opinión

Azucre e amorodos

A novela de Bibiana Candia, ‘Azucre’, inspirada nun triste episodio da segunda metade do século XIX, tróuxonos á memoria a inxustiza e inhumanidade da escravitude. 1744 mozos galegos foron forzados pola fame, movidos pola afouteza e enganados por don Urbano Feixóo de Soutomaior, un grande home (!), oriúndo de Viana do Bolo, deputado en Cortes por Ourense (1854), Verín (1872) e Matanzas-Cuba (1881).

Malia estar prohibida a trata polo Congreso de Viena (1815), rectificado o acordo por parte de España (1817), a quen apremou Inglaterra para que o fixese, e promulgada a lei que prohibía contratar negros (1820), a escravitude pasou á clandestinidade, mais non desapareceu. Familias de diversa caste fixeron grandes fortunas a custo de comerciar con mercadoría humana (Marqués de Comillas, Francisco de Adalid, Juan Francisco Barrié d’Abadie, o antedito Urbano Feixóo e outros). 

O tal don Urbano ideou a que chamaría Compañía Patriótico Mercantil, con dúas finalidades ao dicir del: socorrer os desgraciados galegos e contribuír á agricultura e ao aumento da poboación branca na illa caribeña. Acode ás autoridades en demanda de axuda simulando ser un benfeitor que coidará do benestar dos mozos. En seis meses e oito expedicións, realiza o traslado e, tal é a realidade que atopan, que trescentos morren xa nos primeiros sesenta días. Seica a idea do promotor era que un galego tiña que facer o traballo de dous negros ao prezo dun escravo. En resposta ás protestas pola falsía dos contratos, mallaban neles. Mesmo os encadeaban e, se conseguían fuxir, andaban polos camiños doentes e pedindo esmola até que os apreixaban. O azucre que recolleran devira veleno.

Sabedoras as familias por algunha carta que logrou cruzar o océano, acudiron aos tribunais. Feixóo de Soutomaior abandonou Cuba tras cobrar a subvención que lle concedera a ‘Junta de Fomento’ e regresou ao seu escano de deputado. As Cortes Españolas ceibaron os pobres rapaces. O traficante non recibiu castigo algún.

Antes e agora, cómprense as palabras de Marguerite Yourcenar: "Dubido que toda a filosofía deste mundo consiga suprimir a escravitude; como moito, cambiaranlle o nome".

Porque, como lle podemos chamar ao traballo das mulleres que veñen temporalmente recoller amorodos? Boa parte dos empresarios non respectan os contratos, non lles permiten levar a súa botella de auga nin poñerse en pé un instante para estirar a columna. Os días que as condicións meteorolóxicas impiden traballar, non cobran. O dos patróns é un cinismo sen límites: "Se tan mal as tratamos, por que volven cada ano?" Se cadra, a pregunta é outra: "Por que os vellos negreiros nunca morren?".

Comentarios