Opinión

Bágoas de lume sobre Portugal

O ESCRITOR húngaro Laszlo Passuth, falecido en 1979, escribiu unha novela titulada na súa versión española ‘El dios de la lluvia llora sobre México’. É un relato da conquista do que hoxe chamamos México no que tanto Hernán Cortés como Moctezuma aparecen moi humanizados, lonxe da clasificación en bos e malos. É o confronto de dúas culturas moi diferentes. Movido o primeiro polo desexo de servir ao rei e -disque- estender o cristianismo. Apremado o segundo polo orgullo, a dignidade e a defensa da independencia do seu pobo. Talvez o narrador peque do que se deu en chamar ‘buenismo’; mais as supostas bágoas de Tláloc, o deus azteca expendedor da chuvia e, polo tanto da fecundidade, non deixan dúbidas de quen foi o perdedor.

O relato destes días ben se podería chamar ‘O demo da ambición chora bágoas de lume sobre Portugal’. Non son bágoas produtivas como as de Tláloc, son a destrución e a morte perfectamente aliadas cunha serie de circunstancias adversas.

Ensináronnos que o triángulo do lume está formado polo combustible (o que se queima), o comburente (o que permite que arda o combustíbel, case sempre o osíxeno) e a enerxía de activación (chispa, electricidade, fonte de calor). Se eliminamos calquera dos seus lados, o lume desaparece. Porén, na actualidade, fálase máis ben de tetraedro porque, para que a combustión persista, ten que haber unha reacción en cadea, un cuarto lado, xa que logo.

Son os eucaliptos uns colonizadores, non menos ambiguos que o Hernán Cortés da novela citada, que o mesmo aplica unha fereza implacábel que chora a morte do emperador Moctezuma. Estas árbores foráneas, colonizadoras de grandes espazos alén e aquén do Miño, aman por igual a auga e o lume, eses dous elementos que non casan. Beben cantidades inxentes de auga (pola raíz, naturalmente), e as súas follas e madeira arden como a esca.

Ben se sabe que, máis que un monte despoboado, producen os eucaliptais, que medran mentres os donos da propiedade dormen tranquilos (e as celulosas máis).

Tranquilos? Poden durmir tranquilos contribuíndo activamente ao cambio climático? Non se decatan de que teñen preparada a fogueira, que só falta o misto?

E aínda hai quen cuestiona as normas da Xunta, pouco restritivas, alegando a necesidade de lles tirar proveito ás terras. Non existen outras posibilidades, por riba, máis rendíbeis? Onde van parar os coñecementos de tantas e tantos enxeñeiros agrónomos e de montes como estamos a producir?

Requiem polas persoas falecidas en Portugal, vítimas dunha política que elas non deseñaron. Requiem por nós, que nin sequera respectamos as mínimas distancias que sinala a lei.

Comentarios