Opinión

Un bidón de gasolina e un misto

A segunda novela da popular triloxía Millenium é A rapaza que soñaba cun bidón de gasolina e un misto. Así se perfilan no noso horizonte sombras a xogar con lume a carón de produtos inflamábeis.

O bidón de gasolina e o misto son unha metáfora e moito máis. Entendo, polo primeiro, todo o lastre ideolóxico que se mantivo íntegro na chamada transición democrática. E, como queira que o tal lastre era fillo da ditadura, e que esta non dera contas dos seus crimes, a transición soamente foi democrática por parte das persoas que padeceran o anterior réxime e das que foron capaces de entender o que significaba a palabra "democracia". O segundo, o misto, completa ese xogo perverso ao que se entregan os que queren volver cara atrás as agullas do reloxo.

Son sombras alongadas, moitas delas desde o alén, a insuflar o seu espírito totalitario noutras sombras que están nesta beira e, tantos anos despois de que cambiara o réxime, non entenderon nada.

Non entenderon que a dereita ten a mesma lexitimidade que a esquerda e a esquerda a mesma que a dereita para gobernar.

Non entenderon que partidos que se definen como comunistas, neste marco constitucional, nada teñen a ver coa ditadura sanguenta de Stalin.

Non entenderon que Bildu non é a Eta e que, aínda no caso de que haxa nesta organización antigos membros da banda asasina, se renunciaron á loita armada e pagaron polos crimes, nada máis se lles pode esixir. E, desde logo, non terán que estar todos os días cantando un mea culpa que, como organización, non é pertinente se se ten en conta que nos seus estatutos, desde a fundación xa que logo, condenan Eta e a loita armada.

Non entenderon que o independentismo, sempre que se defenda por vía pacífica, non é un delito.

Non entenderon que querer unha España plural, onde se respecten os dereitos das distintas nacionalidades ou nacións -chámenlles como queiran-, non é querer unha España rota.

Non entenderon que as mentiras, calumnias e noticias falsas, son todo o contrario ao patriotismo auténtico, ese que se fundamenta nos valores humanos que poñen por riba de todo as persoas, a súa dignidade e o seu dereito a existir.

Non entenderon que os partidos legalizados, por pura lóxica, non son ilegais.

Hoxe cúmprense 33 anos do atentado no cuartel da Garda Civil de Zaragoza, co saldo de 11 mortos e 88 feridos, obra de Eta. Ningunha persoa de ben quere que volvan aqueles tempos. Tampouco os da ditadura que, estando así mesmo manchada de sangue, non é condenada polos nostálxicos dela.

O punto de encontro está afastado da gasolina e o misto: chámase paz. Quen non a procure, é fraude.

Comentarios