Opinión

A canción dos resentidos

A miúdo reflexiono sobre a conveniencia de esixir un certificado de idoneidade en aras de exercer dúas funcións fundamentais para a boa marcha do mundo, a da política e a da maternidade/paternidade. As miñas elucubracións rematan en táboas cando constato que esa mesma medida practicada verbo de quen vai manexar un auto ou unha arma de fogo, non garante a ausencia de accidentes dun e doutro tipo. Aínda así, sería conveniente testar as candidatas e candidatos para comprobar se son, simplemente, persoas. 

‘Errare humanum est’, reza o aforismo latino. Errar é humano, o que é inhumano é perseverar no erro de querer gañar ou influír nunhas eleccións a forza de mentiras e calumnias, dito doutro xeito, se é de persoas comprometer a propia dignidade. Claro que, cando se dá este caso, a propia dignidade xa debe andar a anos luz.

A estas alturas  decataríanse de que non me refiro ao grupo musical da Movida Viguesa fundado por Antón Reixa e Alberto Torrado, os Resentidos. O seu Pop e Rock fixo ecoar unha mestura do rural e o urbano en letras que, aparentemente disparatadas, portaban a súa mensaxe. Poño por caso a célebre ‘Galicia caníbal’, se cadra ben pertinente para o asunto que traio a esta páxina. 

Galiza caníbal e canibalizada, a devorar os propios fillos tal un Saturno devido pobo. Galiza engulida —fagotizada soaría demasiado suave— polos Hannibal Lecter de oficio, aos que quero aludir, porque algún coñezo.

(Vaia por diante que non falo de ningún partido nin lista electoral. Tampouco fago miña a afirmación atribuída a Beltrand du Guesclin, cando interveu na loita entre o rei don Pedro e o falso Trastámara: «Non quito nin poño rei, mais axudo o meu señor». Simplemente desabafo o noxo que me producen estes personaxiños que non alcanzan o nivel de persoas).

Hannibal Lecter, o escuro protagonista da película ‘The Silence of the Lambs’ —’El silencio de los corderos’— na versión española, é un psicópata, asasino en serie. Por suposto que é moito comparar estes elementos con alguén así. Só as vítimas inocentes mo traen á memoria. Os años, nestes casos, non son os adolescentes, como os do caníbal, aínda que algúns tamén hai. As vítimas son as persoas de certa idade maiormente, as que viven en núcleos máis ou menos illados e acreditan nas falacias destas persoas sen escrúpulos.

Un hai que, no propósito de manter no poder o clan familiar, advirte aos usuarios do servizo de atención domiciliaria que, de non gañar o partido que agora apoia, lles será retirada a axuda. Outro, como xa non pode seguir de ditador porque o botaron (con b) as urnas, conspira a prol de quen o derrotou. Non sabe mellor canción.

Comentarios