Opinión

Cando a vida doe máis que a morte

HOXE, 3 de xuño, cúmprense 25 anos da fundación da Coordinadora Galega das ONGD. Por se fixera falta, aclaro que o D significa desenvolvemento e distingue as entidades que engloba doutras organizacións non gobernamentais, dedicadas a certos campos específicos como a ecoloxía, a igualdade, os dereitos humanos ou a infancia, as ONG. Isto non colide co carácter transversal de moitas delas. 

Como declaran, queren ir alén da caridade e a simple axuda porque entenden que fomentar o desenvolvemento é unha obriga ética e un compromiso político. Daquela, acabar coa pobreza integral que afecta a tantos millóns de persoas, é o seu principal obxectivo. Para iso, cada ONGD que forma parte da coordinadora está especializada nun sector (educación, sanidade, agricultura, comercio xusto, etc.) e nas distintas zonas da terra afectadas pola miseria. É aquilo de ensinar a pescar no canto de dar o peixe. 

Porén, hai situacións (catástrofes naturais, conflitos bélicos) nas que é precisa a axuda inmediata. Alí acoden, moitas veces apostando a propia integridade física, para atenderen as necesidades máis elementais, tales como a sanidade, a auga ou unhas infraestruturas mínimas. 

Moi crítico con algunhas ONG, o sociólogo norteamericano James Petras, chega a chamarlles "empresarias da pobreza". Di que son a miúdo brazos do poder de entidades como o Banco Mundial ou de certos Estados que o que pretenden é despolitizar a loita de clases e acabar cos xermes de organización social nas bases. Pola contra, ve positivas aquelas que se inmiscen ou forman parte dos movementos sociais reivindicativos. Segundo afirma, as melloras así obtidas son pasos importantes na verdadeira transformación da sociedade en que se producen. 

Nesta liña, falan as ONGD de compromiso político e convén, máis unha vez, diferenciar política de partidismo pero, seguindo a máxima evanxélica, coñecelos –aos partidos– polos seus froitos. Verdadeiramente este é o momento. 

Avergoña que os mandatarios desta terra, sempre de emigrantes e de exiliados outrora, asinara un plan para pagarlle a Turquía o traballo de desbotar coma lixo aos que piden refuxio. Énos tan difícil meternos na pel das persoas ás que lles está a doer máis a vida que a morte? Non vou comparar as apenas dúas ducias de acollidos fronte a outros Estados, ou mesmo fronte a particulares do noso cuxa dispoñibilidade foi menosprezada polas instancias oficiais. 

Grazas, xa que logo, ás ONGD que palían as incongruencias de países insolidarios que, coma este, se gaban de respectar o dereito internacional e non cumpren un dos máis elementais dereitos humanos. Apoiémolas.

Comentarios