Opinión

Canto valen?

O que custan sábeno eles, os que fan verdadeiras as palabras de Antonio Machado: "Todo necio confunde valor y precio". Mais, mesmo niso, erran. O prezo é moito máis alto que o aforro -se é que o hai- que conseguiría a Xunta substituíndo o servizo de taxis do transporte escolar por catro microbuses que, en moitos casos, non poderían acceder ás aldeas.

Canto vale o frío dos nenos e nenas que agardan á intemperie a que os recollan cedo porque o traxecto, a forza de dar rodeos, é máis longo do que cumpriría? Canto, o tempo que lles rouban ao sono, o lecer e a compaña dos seus? Canto, a inseguridade de circular en vehículos pouco axeitados para as condicións climatolóxicas e o trazado daquelas estradas nunha difícil orografía?

Falo do Courel, mais podería falar doutros lugares e medidas arbitrarias ou, cando menos, sen máis lóxica que a dos cálculos mal feitos, os que só teñen en conta os factores económicos inmediatos. Así, andan a darlle o tiro de graza a un xeito de vida, arrogándose o dereito a decidiren polas persoas que aínda acreditan nel.

Porén, aseguráronnos que esta había ser a lexislatura do rural. Polos feitos, semella que entenden por iso potenciar unhas poucas "aldeas modelo". Son unha boa idea, mais non cadra co desmantelamento doutras, a se baleiraren a cadora. Vén ser como botar auga nun depósito e empeñarse en furar os canos.

Seis taxistas, onde os postos de traballo remunerados son un ben escaso, son seis autónomos ou autónomas que non precisarán abandonar a terra para subsistir coas súas familias. E, asemade, garanten o servizo fóra do horario escolar. Doutro xeito, o negocio non dá para pagar as licenzas. ¿Non é o lóxico que, na medida do posíbel, o lucro pola atención a estas necesidades redunde no ámbito en que se producen, a crear sinerxías? Ou é mellor varrer para fóra?

Atina a Anpa do CPI Poeta Uxío Novoneyra, ao citar o artigo 130 da Constitución Española. Di que se dispensará unha protección especial ás zonas de montaña. É isto? Sabe o que significa "especial" quen pretende aplicar as mesmas medidas a todos os territorios?

Terán que vir de fóra -maiormente xubilados- a nos mercar o tesouro que estamos a desbaldir? Seguirá quen nos goberna a nos trocar madeira por formica?

É inevitábel acudir a aqueles versos de Os Eidos, do courelao máis universal: "Os que así nos tein só tein noso os nosos nomes no censo". Pasaron máis de sesenta anos e seguen vixentes en gran medida hoxe.

Porén, mentres queden persoas dispostas a reclamar xustiza, o Courel vivirá porque as cousas da infancia rexeranse polo valor, non polo prezo.

Comentarios