Opinión

'Chips' e botóns de pulsar

SEMPRE sospeitei que o embigo era coma un deses puntos que deixan os electricistas preinstalados por se un día se precisar unha nova conexión. Que parvada, verdade? Si, é unha brincadeira, mais han comprender con que motivo a fago.

Yuval Noah Harari, un antropólogo israelí -disque o máis importante deste século-, moi admirado por Obama, Bill Gates ou o creador de Facebook, Mark Zuckerberg, escribiu, entre outros libros, ‘Sapiens: De animais a deuses’ e ‘Homo Deus: Breve historia do mañá’, grandes éxitos, edita- dos en español pola editorial Debate. Neles prognostica un futuro sen guerras, fames nin pestes; porén, non precisamente feliz para todo o mundo.

O autor, que asegura non ser profeta do futuro, senón interprete das súas posibilidades, fala do fin da especie humana tal como a entendemos hoxe. Para el, dentro de douscentos anos, os seres que poboarán a Terra e que mesmo viaxarán a outros planetas, dividiranse en dous grupos, os inútiles, que non farán nada porque as súas profesións estarán obsoletas por innecesarias debido á alta tecnoloxía que as desbancará, e unha minoría que programará as outras vidas. Malia non careceren de alimentos e pílulas de todo tipo, os primeiros non lle atoparán un sentido á existencia.

Os poboadores deste mundo serán metade orgánicos, metade máquinas, ‘ciborgs’ polo tanto, sen conciencia nin sentimentos, auténticos acumuladores de datos, o chamado ‘dataísmo’ que, segundo Yuval Noah Harari, podería acabar co humanismo. No canto de seren persoas, serían ‘chips’ e a súa vida verdadeira, o seu protagonismo, tería lugar nas redes.

Se cadra -volvo á brincadeira- o primeiro botón para poñer en marcha o ‘ciborg’ estará situado no embigo. Claro que, se a xestación ten lugar en máquinas, é posíbel que nin sequera sexa preciso o cordón umbilical e, daquela, o ser do futuro non terá embigo.

De calquera maneira, por moi estraño que isto nos resulte, xa padecemos algún adianto da distopía que se nos anuncia. Acaso non temos algo de ‘ciborgs’ as persoas sempre apegadas a esas máquinas que son os móbiles ou as computadoras, sen dúbida útiles se se usan ben? Por ventura non desaparecen moitas conciencias no uso das redes, onde se ataca sen compaixón ou se exhiben intimidades sen pudor? Non estamos programados?

Os gobernos, que como nos recorda Harari, non teñen previsións nos seus programas para estes cambios, están colaborando activamente no peor deles. A supresión das Humanidades nos currículos, en beneficio dos saberes puramente técnicos, son o terreo abonado para a perda da sensibilidade e os valores que nos terían que caracterizar como especie.

Comentarios