Opinión

Como pensan as masas?

AH, PERO É que as masas pensan? –preguntaranse algunhas persoas que leren isto. Coido que si, e iso pode considerarse bo ou malo, segundo o que pensen. Mais, de calquera maneira, recoñezo de antemán que a miña non é socioloxía de libro e pode suceder que, sen pretendelo, lles dea couces a conceptos básicos desa ciencia. 

A palabra masa, deixando á parte a definición que dela fai a física como "magnitude que expresa a cantidade de materia dun corpo" e outras acepcións, nomea grupos humanos. Así, masas poden ser multitudes, suxeito colectivo, antítese de elites ou mesmo hordas que actúan gregariamente. 

Multitude son, por desgraza, as persoas que pasan fame, as que sofren guerras e inxustizas; mais a dor padécena unha a unha. A carraxe, mesmo que sexa colectiva, é suma de moitas carraxes individuais, de moitas experiencias vividas. Non é, xa que logo, gregarismo, é sentimento consciente, razón de supervivencia. 

Suxeito colectivo é o grupo que se move e actúa por unha causa común. Tamén as masas ás que me referín antes, se buscan máis aló das solucións particulares, poden ser actores da propia salvación e a dos que os acompañan no infortunio. 

As elites contrapóñense ás masas pola súa hipertrofia económica ou por calquera outro atributo –cultura, liderado…– que as faga influentes. Porén, as elites tamén xorden nas masas. O quid da cuestión é en beneficio de quen ou de que van exercer esa influenza. 

As masas que cualifico de hordas gregarias son as que repiten consignas, nunha especie de reacción en cadea, a ser eco do eco de alguén que falou primeiro. As voces do eco, como se sabe, son confusas e a cadora menos intelixíbeis, mais non importa. Do que se trata é de ser parte do ruído, multitude. (-A onde vas Vicente? -A onde vai a xente). Isto explica moitas cousas. Quédase só coa música e, no canto da letra orixinal, escríbense as propias filias e fobias, as frustracións e os rancores, as palabras da discordia. 

A que vén este enguedello? A recordar, se se me permite, que é preciso votar desde a nosa individualidade, mais vendo alén do propio nariz. O nariz no que pretenden inducir cheiro a rancio cando falamos de raigañas e orixes. Son eleccións galegas. 

Escoitaremos moitos tópicos, imperarán as falacias sobre verdades que, se non son absolutas, son evidentes. Veremos como nos meten o dedo no ollo para nos ocultar o que hai e, acendéndonos bengalas á altura das cellas, quererán fabricar as luces que non hai no noso horizonte. 

Pensemos, daquela, nese nós colectivo que dista abondo de ser masa. Pensemos como pobo e fagámolo con optimismo e confianza no futuro. Ollo, quen nos engana non nos merece.

Comentarios