Opinión

Cómpre outro tango para o XXI

Enrique Santos Discépolo (1901-1951), autor do célebre tango Cambalache , morreu antes de que existisen internet e outros milagres da (in)comunicación, por iso non chegou a saber até que punto atinaba coa letra. A título de exemplo, estes versos: "Hoy resulta que es lo mismo ser derecho que traidor/ ignorante, sabio o chorro, pretencioso estafador./ Todo es igual, nada es mejor./ Lo mismo un burro que un gran profesor".

Pregúntome que escribiría agora, neste século XXI en que se reinventan os calotes e os xeitos de roubar legalmente. Coma min, todas e todos vostedes terán asistido indefensos á vulneración do dereito a que non os estafen. A indefensión produce moita carraxe e a carraxe, ás veces, moita violencia. Por iso temos a sensación de que a xente, en xeral, vive en estado de permanente anoxo e, como os mananciais aos que se lles tapona a natural saída, rebenta facendo estragos.

O 16 do decembro pasado, recibín un correo do editor dun meu libro en inglés. Preguntábame a que enderezo me enviaba os exemplares que me correspondían segundo o contrato e anunciábame que, como moi tarde, os tería aquí a finais de ano. Até o 9 de marzo non me chegou o aviso de entrega por parte da empresa de transportes. Habíano deixar o día 23 no punto acordado. A partir diso fóronse alternando correos, ora co anuncio de chegada, ora comunicando unha demora por mor do brexit. Tamén me chamaron da aduana, antes de todo isto, para dicirme que xa estaba arranxado o problema.

Á marxe de que siga agardando polos libros, en que consiste a estafa legal por parte da empresa de loxística? Moi sinxelo: teñen un teléfono de pago e prolongan as consultas até límites insospeitados. Unha clave de localización do paquete que inclúe dezaoito caracteres, números e letras mesturados, ten que ser deletreada varias veces porque, aínda que non te equivoques, unha voz repetiraa engadindo algunha letra máis para que teñas que rectificala. Despois, del coro al caño e del caño al coro, terante agardando o que lles pete até que canses de estar colgada do teléfono e o colgues ti a el.

Non conto nada novo. O método está moi estendido. Cantas veces chamei, procederon de igual maneira. Na última, deixada pola miña parte a cortesía, respondeume o operador que, efectivamente, estaba proxectado co propósito de recadar diñeiro. Por riba, o número non se anunciaba como de pago, mais érao.

Agora agardo, como xustificación da nova demora que me anunciarán, o incidente do barco no canal de Suez.

Século XXI: nada é o que semella, nada semella o que é. Ou si, Cambalache con nova música e a complicidade dos de sempre.

Comentarios