Opinión

Criminais por vocación

Falo dos que mataron Mahsa Amini, os chamados policías da moralidade. Disque é un corpo de voluntarios que se consideran a si mesmos o brazo xusticeiro do seu deus cruel. Non se sabe se alguén lles conferiu o poder, mais é ben coñecido quen lles outorga a impunidade. 

Mahsa Amini, 21 anos, matada no Irán dos ‘ayatolas’, nome que significa  “sinal de Alá, sinal de Deus’. ¿Sinal de Deus os mentores e cómplices de asasinato, os ladróns de liberdades, os fanáticos repartidores de tebras?

Unha guedella fóra do ‘hiyab’ espertou a ira dos asasinos, non a do Alá que revisten cos propios sentimentos. E, os sentimentos deles, son os da misoxinia, o do odio ás mulleres, maior cando son novas e fermosas. E Mahsa Amini érao. Son manadas de sádicos que, de non se poñer o disfrace de cumpridores da ‘sharía’,  a lei islámica, violarían e matarían de igual xeito. 

A maioría das mulleres e os homes do Irán, diante de tanta represión e vileza, tentan romper os barrotes do cárcere, quebrar os elos da cadea. Ansían vivir nun país en que non estean prohibidas a música, o riso e o sorriso. Así que se manifestan contra o réxime teocrático e seguen a ser brutalmente reprimidas e reprimidos. É o caso de Hadis Najafi, asasinada nunha das protestas, vinte e dous anos, case tantos os perdigóns -vinte- no corpo. Até o momento son 72 as vítimas.

Recórdanme as mulleres torturadas e queimadas pola Inquisición, cualificadas de bruxas cando eran curandeiras, coñecedoras do poder curador das plantas. Ana de Castro, por exemplo, a meiga da Armenteira na que os clérigos fixeron auténticas lacerías.  Penso no muiñeiro Menocchio, das cuíñas de Friul, próximo aos Alpes do Véneto, queimado tamén pola Inquisición. Carlo Ginsburg, na obra historiográfica ‘O queixo e os vermes’, exhuma a partir das actas da Inquisición a súa historia. O pobre home tiña ideas propias sobre a relixión e as orixes do mundo. 

Regreso ao caso das mulleres de Irán, tan valentes como desprotexidas e silenciadas, e non podo evitar a comparación cunha personaxe española,  moi presente nos medios, integrista até onde se pode ser por aquí, que xa é abondo. Foi conferenciar a México, seguramente ben pagada, en defensa do pensamento único, o dela e o dos que a enviaron coas súas consignas.

Non mide as consecuencias do odio que sementa. Non é por acaso que aumenten de xeito exponencial as agresións homofóbicas. Nin se lle pasaría pola cabeza que é moito máis cristián levantar a voz polas oprimidas iranianas e de moitos máis lugares do mundo. 

E nós, ben instaladas nas butacas das nosas casas, rímoslle as grazas véndoa na televisión. É tan simpática e inocente!

Comentarios