domingo. 20.06.2021 |
El tiempo
domingo. 20.06.2021
El tiempo

Dogmas contra evidencias e viceversa

DISQUE NADA é máis difícil de demostrar que o evidente. Tristes os tempos en que hai que loitar por cousas que non precisarían demostración, como declarou hai anos o polifacético autor suízo Friedrich Dürrenmatt.

Porén, hai que facelo, porque efectivamente vivimos tempos abondo tristes, de volta ao pasado, a desbotar avances ben significativos na conciencia social; mais non para recuperar a saúde da terra, por exemplo.

Os argumentos de quen representan certo partido político —ao que prefiro non lle pór nome—, a negárense a gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista, van en contra de toda lóxica. Se as estatísticas non teñen valor probatorio e ningunha conclusión se pode tirar delas, os asasinatos de mulleres non son, de seu, un problema nin nacen dun pensamento e unha educación determinados. Secasí, a realidade dos feitos segue petando cada día na conciencia de quen non se propoña ignoralos.

Os negacionistas desta e outras realidades sangradoras, aférranse a dogmas por eles fabricados. Os dogmas, xa saben, son verdades —non sempre pertencentes ao ámbito das relixións— que non se poden negar. Aínda así, hai dogmas que terían que deixar de selo por colidiren coas evidencias.

É un dogma o da España una (participio irregular do verbo unir, unida, non o numeral unha). É evidente que non sempre foi así nin desta maneira. Hai moitos xeitos de ser una e só un de ser unha, a centrípeta con núcleo en Madrid, que pretende impoñer a súa superioridade. É un dogma que os pecados da dereita constitucionalista teñen perdón e é evidente que os perdóns aos da esquerda son pecados. Non é preciso que exemplifique, porque estes días abundan as referencias a indultos, parciais ou totais, como o do xeneral Armada e os doutras e outros políticos e militares.

É dogma para bastantes persoas que o conflito catalán —político, non se esqueza— só se resolve coas armas e o artigo 155 da Constitución. É evidente que ningunha destas medidas produciu efecto e que só a paz pode camiñar da man co diálogo.

Coido que a paz que algúns invocan é a dos cemiterios, a seguir o modelo daquel xeneral de infausta memoria ao que seica non está de máis lembrar. Tanto os que seguen camiñando polo seu ronsel, como quen non compartimos esa ideoloxía.

Mandemos aviso dos seus efectos devastadores. Unha das dúas Españas, a que xea o corazón segundo Antonio Machado, é esa. Nela se moven os violentos de toda caste, os xusticeiros, que non xustos, os que fomentan a xenofobia entre os integrantes do mesmo Estado, os refractarios ao perdón. Busquemos a outra, a capaz de amar a diversidade humana.

Dogmas contra evidencias e viceversa
Comentarios
ç