Opinión

Era tempo de vivir

Seica unha rapaza dunha vila galega preferiu morrer antes que soportar o acoso continuo ao que a sometían no instituto e mais nas redes sociais. Xa sufrira bullying noutros dous centros educativos. Nalgún momento declarara a súa bisexualidade, o que lle botou enriba todo o odio e incomprensión -se cadra hipocrisía- de compañeiros, compañeiras e talvez adultos trogloditas e ignorantes. Diso á depresión e da depresión á morte autoinflixida, todo rolou coma unha bóla costa abaixo. Tiña dezasete anos.

Disque nunha vila de Lugo, cinco días despois, un neno de trece precipitouse desde un quinto piso. Talvez foi un desgraciado accidente. A familia pediu que non se especulase e que se respectase o seu loito. Sería cruel non facelo e por iso non vou buscar concomitancias -que se cadra non hai- entre ambos sucesos.

Para unha e outro, era tempo de vivir, de explorar gozosamente os camiños e os ríos da existencia, os mares da tenrura, os ceos do pensamento. Tempo de se construíren e se soñaren libres, lonxe de prexuízos resesos, sen máis fronteiras que as da empatía que, como ben se sabe, é poñerse no lugar dos e das demais.

Xa que a historia se repite, non sobra lembrar hoxe, no 166 aniversario do seu nacemento, a Oscar Wilde. O escritor que, en tempos en que a ignorancia levaba a cualificar a homosexualidade de vicio, padeceu cárcere e traballos forzados. A carta que escribiu desde a cadea, De Profundis, explica a súa evolución persoal e a inmensa dor que padeceu. Cando se viu ceibe, exiliouse en Francia onde escribiu a súa derradeira obra e morreu na indixencia. A Inglaterra de Victoria I era tan contraditoria como para casar toda unha serie de cambios sociais cuns costumes inzados de prohibicións e dobre moral.

Aquí vivimos tempos tamén abondo confusos. Os mesmos que atropelan os dereitos máis elementais da xente (paz, pan, casa, liberdade), eríxense en xuíces dos únicos ámbitos que lles interesan: a unidade da patria, tal como eles a entenden, a vida íntima dos outros e o rol das mulleres. Estas poden ser prostituídas e maltratadas, que á fin Eva ten que ser fiel ao mito da tentadora que merece ser castigada.

A homofobia goza de prestixio e é, en moitos casos, filla do machismo. Unha e outro son vitimarios, matan e incuban o odio que, á súa vez, xerará máis odio e máis mortes.

Xa que logo, non debería ser asunto menor no currículo escolar o respecto á diferenza, a educación na empatía, a defensa dos vulnerábeis. É lamentábel que, en aras de imperativos considerados relixiosos ou mesmo de lei natural -cousas discutíbeis-, se incumpra o mandamento por antonomasia, o do amor ao próximo, garante de verdade.

Comentarios