Opinión

A espada no fío de cobre

A ESPADA de Damocles, aquela que ameazaba caer sobre a cabeza do rei ao que envexaba o tal personaxe, estaba pendurada dunha crina de cabalo. A que mantén en vilo á Mariña, a Lugo e a Galiza enteira, pende do fío de cobre.

Malia que o semelle, as cousas non suceden dun día para outro. Posibelmente antes; mais dou fe de que en 2012 xa a empresa facía declaracións ameazando con pechar se non obtiña unha tarifa eléctrica rebaixada. Con data 21 de setembro daquel ano, neste mesmo lugar, baixo o epígrafe "San Cibrao: cando todo era futuro", lembraba quen isto asina o comezo ilusionado dunha fábrica que había transformar a vida daquela contorna. Non considero necesario repetirme e, menos aínda, autocitarme.

Tampouco quero caer na tentación de titular o de hoxe "San Cibrao: Cando todo é pasado". Se o fixer, aceptaría unha derrota que non desexo nin debo pensar que se produza. A miña achega, aínda insignificante, vén sumarse á loita dunha bisbarra que defende con firmeza e valentía o seu traballo. Á fin, alén da miña solidariedade coas persoas que sofren esta conxuntura, non fago máis que ser fiel a unha xente que me acolleu naqueles anos aurorais.

O fío de cobre é, neste caso, a metáfora da enerxía que pon en movemento o sistema. A rebaixa non chegou nunca. Nin cos gobernos simultáneos de Rajoi e Feijó (léase Raxoi e Feixó), actuantes no ano que cito; nin agora, co PSOE no Estado e o mesmo presidente na Xunta. Porén, Galiza produce e exporta enerxía e, a pesar da infausta freada na marcha das eólicas, tras a impugnación inxusta das adxudicacións que fixera o goberno bipartito, pisa forte no sector das renovábeis. Non se entende, xa que logo, que isto non repercuta no país que xera tanta forza.

De calquera maneira, Alcoa, a gran multinacional do aluminio, ten decidido cerrar a súa fábrica na Mariña de Lugo e nin sequera está disposta a vendela. A única no Estado que produce este metal do que é, asemade, un bo consumidor. É posíbel que non se queiran facer competencia a si mesmos. Cómprelles converternos en dependentes e, ao mesmo tempo, limitar a produción para que suba de prezo.

Entendo que recuperar a que é unha empresa estranxeira en apuros e poñela baixo o control do Estado, nacionalizala, é perfectamente legal agora dentro da Unión Europea. Chegaría o momento de, aínda que sexa a menor escala, completar o ciclo e ir ao laminado? En botando sobre as renovábeis o peso do consumo eléctrico, sería compatíbel coa transición ecolóxica.

En todo caso, é tempo de medir a vontade política dos candidatos galegos e proceder en consecuencia.

Comentarios