Opinión

Está viva ou morta?

Morta está, que non respira, diría alguén. Mais, se cadra, soamente hiberna, como unha marmota que espertará, deixado xa o inverno, cando as condicións climáticas lle sexan favorábeis. Porén, non é unha hibernadora e, xustamente nos tempos difíciles para os que foi creada, é cando a precisamos activa e consciente. Chámase Organización das Nacións Unidas, Onu no seu acrónimo e non lles vou contar nada que non saiban.

Deixando á parte os precedentes, é en 1945 cando se reúnen representantes de 50 países na Conferencia de San Francisco para redactar a Carta das Nacións Unidas. Nelas, xa desde o preámbulo, faise fincapé no seu obxectivo fundamental: "Manter a paz e a seguridade internacionais e, con tal fin, tomar medidas colectivas eficaces para previr e eliminar ameazas á paz [...]", e abandono a cita porque o texto está ao alcance de quen o quixer consultar. As dúas guerras mundiais quedaban moi próximas na memoria e a consciencia de seren todos perdedores, nidia.

Non é doado o papel que ten que desempeñar a Onu no mundo convulso que nos toca padecer. Aínda así, a súa razón de existir vai alén de decretar sancións económicas, exercendo unha arbitraxe talvez menos imparcial do que nos queren facer ver. Un organismo deste tipo, se está vivo e asume o labor diplomático que lle corresponde, non pode deixar de buscar a raíz de cada conflito. Porque, se cadra, nin os malos son tan malos nin os bos tan inocentes.

Sei que quen afirmamos isto nos convertemos en persoas sospeitosas, porque resulta que tamén é sospeitosa a imparcialidade que reclamamos. Non a imparcialidade do laissez faire, laissez paser (deixar facer, deixar pasar), senón unha imparcialidade activa, a reclamar a cordura por ambos lados. 

Mentres sigamos a acreditar no aforismo latino, si vis pacem para bellum, no canto de "se queres a paz, prepara a paz", a Onu sobrará, porque o primeiro dos seus obxectivos estará sempre en cuestión. E iso acontecerá se esquece a propia Carta que, ademais da paz, fala da "cooperación internacional na solución de problemas internacionais de carácter económico, social, cultural ou humanitario". Velaí a nai do año. 

Pode semellarnos que estas cousas non nos atinxen directamente, que as guerras fican lonxe. Falso en todo caso. Mais cómpre rexeitar desde calquera óptica as guerriñas que nos arman aquí certos políticos e políticas, nomeadamente en período electoral. Non é moito esixir que cesen os insultos e descualificacións e, desde a serenidade, fagan e cumpran as súas propostas en ben da colectividade. 

E, por favor, que non nos envolvan no seu rodopío. Por riba de todo, somos ese nós que nos une.

Comentarios