Viernes. 17.11.2017 |
El tiempo
Viernes. 17.11.2017
El tiempo

Falemos de pluralidade

NON ME GUSTA o fútbol e non por iso lanzo diatribas contra as cadeas de televisión ou emisoras públicas que retransmiten partidos. Sei que hai xente á que lle alegra a vida e, aínda sendo moi crítica cos que só viven por e para o que chaman deporte rei, non movería un dedo para privar a ninguén do espectáculo.

Hai quen enche a boca con proclamas de igualdade, tolerancia, respecto ás minorías e outras cousas que quedan moi ben nos discursos (e aínda quedarían mellor se as practicásemos na realidade); mais o certo é que, polas súas actuacións, fica claro que unicamente se refiren ás propias ideas.

Falo a propósito da polémica xerada arredor da retransmisión da misa por TVE2. O primeiro argumento dos seus detractores é que estamos nun estado laico. Falso. Estamos nun estado aconfesional, que é unha cousa ben diferente. Por exemplo, no franquismo, por ser o español un Estado católico, non podía ter como xefe alguén que non profesase tal relixión. No chamado ‘caso Añoveros’ (o goberno tiña un avión no aeroporto de Sondica para desterrar ao bispo por mor dunha pastoral que non lles daba polo pau), nese caso, repito, a ameaza de excomuñón por parte de varios prelados detivo o tal proceso porque, automaticamente, Franco caería na ilexitimidade (deixando á parte que xa non a tiña).

E, antes doutros argumentos, bastaríame para defendela o recordo da miña nai, moi velliña, devotamente concentrada na pantalla da celebración dominical. Supoño que, coma ela, moitas outras persoas imposibilitadas para acudir á igrexa achan conforto nesta práctica. Mais ben sei que me estou a mover no terreo dos sentimentos.

Todas as crenzas son respectables sempre que non colidan cos dereitos humanos. O cristianismo, o xudaísmo, o islamismo e o budismo, son relixións positivas, o que quere dicir que están baseadas en dogmas (verdades incuestionábeis), con normas e cultos propios. O que non pode acontecer é que esas crenzas e prácticas se queiran impor a todo o mundo e, non digamos xa, desde instancias oficiais.

Tampouco se pode esquecer a forte tradición cristiá da nosa cultura. Tanto que, ás veces, non nos é doado distinguir o que se corresponde cunha ética universal e o que é moral católica ou as concomitancias do cristianismo co humanismo. En todo caso, non me vou meter en camisas de once varas.

O que hai que esixir aos oficiantes é que se centren na mensaxe evanxélica e se deixen de integrismos. E aos que se opoñen á retransmisión da misa, que denuncien coa mesma forza, por exemplo, a violencia canonizada do fútbol como espectáculo ou o uso que se lle dá á imaxe feminina.

Falemos de pluralidade
Comentarios