Opinión

Fondo de armario

O que se entende por fondo de armario pode variar segundo a idade das persoas, os gustos, as condicións climáticas, o nivel económico e, se cadra, máis factores que descoñezo. Aínda así, todo o mundo coincide en que nos referimos a unha serie de prendas básicas, que non pasan de moda ou tardan en estar desfasadas, doadas de combinar entre si ou con outras, a nos garantir a indumentaria conveniente en situacións diversas. 

Atendendo a este concepto, promóvese a adquisición dun número de prendas, seica imprescindíbeis, para cada temporada. Acudir ou non a tal reclamo, depende do consumismo e da capacidade adquisitiva de cadaquén. Porén, as persoas de certa idade temos un fondo de armario conseguido paulatinamente e en temporadas varias, sen máis limitacións que o espazo, os cambios de talla ou a conciencia que nos recorda que non debemos acumular. 

Despois de todo isto, hei de pór en claro que non son a moda nin a vestimenta o obxecto da miña reflexión de hoxe, porque o fondo de armario que me preocupa é outro. Con todas as obxeccións que se lle poidan facer ao símil, a cultura e a educación son coma un fondo de armario e, por desgraza, hai moitos armarios baleiros. E tamén quero insistir en que non se trata dunha cuestión xeracional, porque si hai xente nova ben abastada xunto a outra que está na máis absoluta inopia, o mesmo que acontece con persoas de máis idade. E sempre foi así, non obstante, no noso ámbito, cun ensino obrigatorio universal, a ignorancia crasa ten menos xustificación.

Se doe ver rapaces e rapazas que confunden a Prehistoria coa Idade Media ou descoñecen o léxico elemental e se comportan coma auténticos cavernícolas, máis fere esta falta de educación en adultos ou escasa cultura en tituladas e titulados universitarios. Porque hai armarios que poden estar ateigados de prendas moi sofisticadas e mesmo custosas e carecer de pezas básicas. Falo de especialistas ou súper especialistas no seu campo que teñen graves carencias nesa que outrora se chamou Educación Xeral Básica.

Certo que aos que exercen cargos por designación non se lles ten en conta. As anécdotas tenden ao infinito. Por non citar outras máis próximas no tempo, podemos lembrar a daquel Conselleiro de Cultura (Oh, paradoxo!) que falou da Carmiña Burana, unha cantante moi famosa. Os carmina burana ( pronúnciase cármina) son os poemas dos goliardos, mais non ten por que sabelo todo o mundo. Ora ben, quen contrataba o espectáculo... Claro que o home tamén falou en sesión parlamentar de confundir churras con "meninas". Nin de ovellas sabía: indultou as churras (poñerían ovos?) e trocou as merinas por un cadro.

Comentarios