Opinión

O gran teatro do mundo

Cumpriría unha nova escrita, actualizándoo, do auto sacramental de Pedro Calderón de la Barca así titulado. Non é que esta obra dramática do século XVII fale escuro e non poida ser comprendida polo público do XXI, senón porque talvez non estaría de máis cambiar, engadir ou matizar algúns personaxes. 

Hai que dicir que a concepción do mundo como un teatro universal é xa un tópico literario que arrinca, cando menos, de Platón e o seu mito da caverna. 

Saberán que a obra calderoniana é basicamente a loita do ser humano entre o ben e o mal. Os personaxes son alegorías. Así, o Autor representa a Deus; o Mundo, a creación; a Discreción, a relixión dentro da Igrexa; a Fermosura, a indiferenza pola dor allea, a banalidade; o Labrego, o traballo; o Neno, a inocencia; o Pobre, a miseria total; o Rico, a fortuna; a Lei de Graza, os mandamentos de Deus. E, por último, o Rei, o único personaxe que non é alegórico e que ten poder sobre o xénero humano, porque así foi disposto polo Autor, ‘por la gracia de Dios’, só pensa niso, no dominio. 

Son moi significativas as réplicas dos actores ao Autor verbo do papel que lles asigna. Á fin o seu destino alén da vida terreal dependerá da interpretación que cada un faga do seu personaxe. Só o rico, insolidario, a negar calquera axuda aos indixentes, irá ao inferno. Os demais pasarán todos polo purgatorio, agás o pobre, que vai directo ao ceo, e o neno, que non chega a nacer e volve á terra. Naturalmente que o Autor non é reo, senón xuíz. 

Os tempos que corren non poden ser entendidos sen un personaxe que represente os medios de comunicación, as redes sociais e a verdade líquida ao servizo do Capital. Nel, un e trino, encérranse reis, oligopolios e falsas liberdades. 

A escena, considerando o conxunto de canto se dixo, fixo e oficiou arredor do pasamento da raíña de Inglaterra, é ben ilustrativa das cotas de esquecemento e estupidez que podemos alcanzar. Non hai dúbida de que nos sumaron, quixeramos ou non,  ao seu ‘panem et circenses’. Somos monicreques e semella que non nos decatamos de quen move fíos.

Dixen raíña de Inglaterra e debera dicir da Commonwealth, ese imperio decrecente que —será un disparate a miña afirmación?— se cadra, axuda a comprender o ‘brexit’. Como facer parte da UE, en pé de igualdade con outros países, sendo cabeza dunha organización propia? 

Sería de desexar que eses países se desligasen dunha vez do seu pasado colonial. Como se sabe, a día de hoxe, a pertenza á Mancomunidade de Nacións é voluntaria. Porén, atrás fican o sangue e o espolio. O primeiro —o sangue— non pertencía ao rei nin á raíña. O ouro e os diamantes, seica si.

Comentarios