Opinión

Grazas, respectábeis señoras

De nena era dada a escoitar as conversas das persoas maiores. Así entendía moitos aspectos da vida ocultos á cativada tales como  o sexo e as súas derivas. 

Un día, nunha tenda de tecidos da praza de San Domingos, ouvinlle a unha señora de moito aquel pedirlle á dona do negocio que lle buscase unha servente para a súa casa en Madrid. A condición irrenunciábel era que a rapaza fose guapa e nova. ·Tengo un hijo joven y no quiero que salga de noche· —dixo— e quedou tan satisfeita como se acabase de rezar unha xaculatoria.

Dona Julia, que así se chamaba a muller á que a luguesa en Madrid pedía axuda, mudou o xesto compracente co que comezara a atendela e deulle unha resposta lacónica que non se prestaba a equívocos ‘no sé de ninguna’. Completou a frase nun ton deliberadamente forte para ser oída cando a outra xa abandonaba o local: "e se soubese non llo diría". 

Recordei este episodio ben veces, sobre todo ao ler certas novelas e relatos de Emilia Pardo Bazán (‘Morriña’, p.ex.). Sen dúbida, a solicitude da señora respondía a unha tradición abondo arraigada. O emprego, que raiaba co escravismo en canto aos dereitos, curtos por non dicir nulos, e os horarios longos, incluía con frecuencia outro tipo de servizos. As amas, hipócritas elas, acudirían a misa diaria co seu veo bordado e o rosario con doas de nácara ou de acibeche entre os dedos, a orar polos fillos pecadores.

As condicións melloraron bastante. Porén, segue a haber persoas sen seguro e con xornadas sen fin. As traballadoras coñecen os seus dereitos, mais ás veces reclamalos suponlles perder o emprego.

En todo caso, adoitan ser as inmigrantes as que levan a parte peor. Abonda ver quen coida a anciáns e anciás. Na súa maioría, fano con cariño e profesionalidade. Excepcións, xa se sabe, hainas en todas partes.

Cónstame que moitas sofren os prexuízos de seren consideradas traballadoras doutro sector menos confesábel, como se ese fose o seu destino e a súa disposición natural polo simple feito de viren de fóra. 

Penso estas cousas ao fío da lexislación que, en xustiza, iguala as empregadas de fogar cos demais traballadores e lles recoñece o dereito ao paro. 

Se queda por aí algún xenófobo ou xenófoba, recórdolle que nós tamén fomos estranxeiros. Pregúntolle se poderíamos prescindir destas persoas que nos traen o que nós non temos. Convídoo a compartir esta pequena nave, a Terra,  en que viaxamos polo inmenso espazo.

Grazas, respectábeis señoras, somos moitas persoas a querelas e, ademais, a necesitalas. Dedícolles unhas palabras de Eleanor Roosevelt que non deben esquecer: "Ninguén te pode facer sentir inferior sen o teu permiso".

Comentarios