Opinión

A herdanza de Wert

MARCHOU WERT ao seu exilio dourado en Francia -exilio, propiamente, non; dourado, abofé que si- na compaña da que fora Secretaria de Estado de Educación sendo el o ministro. Marchou deixando unha Lei, a Lomce, elaborada de costas a todos os sectores que a teñen que aplicar e padecer. De costas ou, falando con maior exactitude, en contra. En contra de estudantes, profesorado, Ampas e mesmo da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas (CRUE). Só a favor do seu firme propósito de ''mantenella e no enmendalla'', dun ego que o levou a autofelicitarse unha vez que a viu rematada e aprobada coa maioría do PP.

Aprenderemos o nome, Lomce -Lei orgánica para a mellora da calidade educativa- e esquecerémolo cando se perda no marasmo de siglas que a historia das sucesivas leis de educación nos vai fornecendo. Porén, a calidade educativa seguirá en declive mentres esquezamos, entre outras cousas, a importancia dos alicerces do edificio. Ao falar de alicerces, de cimentos, refírome ao que tradicionalmente chamamos materias instrumentais, é dicir, lingua e matemáticas. Concretando máis, lectura, escritura e cálculo.

Din que nas aulas de Francia volverán á lectura, ditado e cálculo mental diarios e, pola miña experiencia de moitos anos, considero que é unha boa medida porque cada vez é máis difícil atopar persoas, aínda sendo universitarias, que lean ben ou sexan capaces de facer sinxelas operacións sen calculadora. A ver se o exministro, xa que é embaixador aló, manda recado ás autoridades competentes para que aquí se faga outro tanto.

Mais moito me parece que no que poñen todas as súas esperanzas os nosos gobernantes en materia educativa é nos ordenadores. Deben acreditar no seu poder taumatúrxico, salvífico ou non se sabe que, porque converten en principal obxectivo que cada aula teña un ordenador por alumno. Pregúntenllo ao presidente da Xunta de Galicia. Diso se gaba. Como se os rapaces e rapazas de agora non estivesen abondo ‘pantallizados’ e non acostumasen a converter o que é un simple instrumento nun sacrosanto fin, nunha adicción ou nun xoguete.

Por outra parte, calquera que se deteña a estudar os novos currículos notará que perderon peso as humanidades en favor das materias relacionadas coa técnica e a produción. A mensaxe é clara e non exclusiva do Estado español: o único que importa é a economía capitalista. Se a xuventude estuda filosofía, música, historia, arte, pintura ou literatura, se cadra aprende a ser crítica, a soñar cun mundo mellor, a amar a beleza e a xustiza e a non deixarse engulir pola voracidade do consumismo ou a uniformización. Daquela, serán unhas persoas difíciles de gobernar e, sobre todo, menos útiles ao sistema.

Comentarios