Opinión

A heroicidade, virtude ou tolemia?

É EVIDENTE que o concepto de heroe evolucionou, e moito, ao longo da historia. Digo heroe e digo heroína. Desde a súa orixe grega, onde se distinguía entre deuses, heroes e homes, até o día de hoxe, en que mesmo pode chegar a ser pexorativo, a semántica non é a mesma certamente.

De entrada, a heroicidade mídese por parámetros diferentes segundo as culturas. Non é difícil entender, por máis que susciten a nosa máis fonda repulsa, que, para os integristas do Islam, os terroristas suicidas son heroes. Desde unha perspectiva humanista ou cristiá, o heroe é quen gasta a vida, a expón ou a entrega en beneficio do próximo. Desde a estupidez de moitos descerebrados, a heroicidade radica en circularen polas autovías e autopistas en dirección contraria, saltar ás piscinas desde as ventás dos hoteis, xogar á ruleta rusa ou moitas outras barbaridades, cando menos, inútiles. Deixamos á parte os ídolos de moitas persoas (escritores, cantantes, xogadores de fútbol, etc.) tamén considerados heroes polos seus devotos. E, por suposto, os literarios ou de cine, como James Bond.

Bertolt Brecht pon en boca de Galileo estas palabras: "Desgraciado o país que precisa heroes". É a resposta que o defensor da teoría heliocentrista lle dá a un seu discípulo que lle recrimina baixar a cabeza diante da Inquisición: "Desgraciado o país que non ten heroes". Máis unha vez habería que determinar cando a heroicidade é tal ou suicidio. Galileo iría á fogueira por unha verdade que o seguiría sendo antes e após da súa morte, polo que non beneficiaría a ninguén e menos a si mesmo.

Hai un dito en castelán, cuxa orixe descoñezo, que me ten feito matinar moito: 'Salomón, más que Salomón, que todo lo sabes y todo lo pierdes. Te crees más sabio que un ultra, y eres más ignorante que un héroe'. Supoño que a sabedoría do ultra se refire á súa obstinación e inflexibilidade, e a ignorancia do heroe, á ousadía por non considerar as consecuencias.

Porén, estou convencida de que Ignacio Echeverría, o heroe de Londres, non actuou por ignorancia, senón por imperativo ético. Cando non hai tempo para reflexionar, esa especie de computadora que somos, actúa desde a información que lle temos dado. E si, tamén conserva os datos do perigo, pero na xerarquía de valores de Ignacio estaba por riba a solidariedade.

Sinto contradicir ao Galileo de Brecht, mais todos os países precisan heroes e téñenos. Quen, se non, coida dos doentes de Alzheimer, dos vellos ou das persoas eivadas? Quen tira pola vida en medio da guerra, da indixencia total, do desamparo máximo? Vázquez Montalbán sabíao e por iso escribiu El pianista.

Comentarios