Opinión

Houbo un tempo

Aquí houbo un tempo en que todas as portas eran para saír. Agora seguen abertas, mais non teñen esa única función. Mirar para atrás non nos ha converter en estatuas de sal. Ha de humanizarnos, que ben nos cómpre se non queremos percorrer a vida coma bestas, sen prestar atención a outra cousa que ao propio embigo convertido en centro do mundo.

Por iso non nos ten que semellar anacrónico o recordo dos nosos emigrantes a se embarcar en travesías incertas; secasí, non tan incertas como as que emprenden un día si e outro tamén os que arriban vivos ou mortos, se non os enguliu antes o mar, ás costas dunha Europa non sempre disposta a recibilos.

Seica os viaxeiros e viaxeiras, non sei se de todas as clases ou só os da última categoría, tiñan que levar con eles un ouriñal para recoller os propios excrementos. Souben dunha rapaza que, louca de temor e tristura, colocouno a xeito de sombreiro e deu en bailar na cuberta do transatlántico en que ía saír para América. Visto o seu estado, apeárona pola forza. Un seu irmán, que a despedía desde o peirao, arremeteu co caxato contra unha dama pomposamente ataviada que tamén se dispoñía a embarcar. Disque berraba culpándoa de todo. Talvez lle semellara a personificación dos males que obrigaban a tanta xente a emigrar.

Máis veces me teño referido a unha pasaxe do Antigo Testamento, explicada por Cristo, no Novo, nun contexto semellante. Falo do de Sodoma e Gomorra, tradicionalmente interpretado como unha referencia á homosexualidade. Porén, fica nidia a intención de condenar o feito de non acoller os forasteiros. Daquela, non se entende que os integristas políticos e relixiosos -case sempre coinciden- sexan militantes detractores do dereito de asilo e mesmo non teñan reparo en mentir para sementar odio contra dos que foxen dunha morte probábel. Nin sequera a conciencia da fraxilidade das nosas vidas, tan patente nas circunstancias actuais, os leva a solidarizarse cos máis desherdados da terra. O máis triste é que o seu rodopío de maldade envolve por veces aos que coñecen a pobreza de primeira man.

Aínda así, hai xestos abondo para reconciliármonos coa especie humana. Alén da implicación cos que veñen de fóra, existe unha cooperación sostida nos lugares de orixe para atallar, na medida do posíbel, as causas da pobreza.

O mundo é unha casa e a vacinación ten que ser para todos os que a habitan, por riba da ambición insaciábel das grandes empresas farmacéuticas. Se non for así, non acabaremos nunca con esta ameaza. Polo tanto, ollo aos negacionistas, trumpistas e malabaristas do engano. Un gran de humanidade vale máis que a terra enteira porque é o que a protexe da destrución.

Comentarios