Opinión

Infancias roubadas

HAI DOUS ou tres anos, nunha praia, presenciei unha escena que aínda hoxe, se a recordo, me produce arcadas psicolóxicas, valla a expresión: Un pai fotografaba a súa nena de 5 ou 6 anos e, como se fose adulta e estivese a retratala para a revista Interviú, insistíalle en que se puxese sexy. Mais non é exacto que presenciara a escena, porque como me resultou repugnante, seguín o meu camiño e non sei até que punto a pequena cumpriu as expectativas do pai.

Recordo que naquel momento lle sumei ao que vía, se cadra inxustamente, o lido na novela de María Xosé Queizán, ‘Ten o seu punto a fresca rosa’, onde un pai perverte a filla e a retrata en situacións lascivas. O resultado é unha rapaciña hipersexualizada que terá un final tráxico.

O péndulo pasou dunha infancia na que se nos contaban mentiras tan grandes como atribuír o noso nacemento á cegoña, a unha infancia roubada na que o mundo dos adultos entra a saco nela antes que as preguntas. O punto medio só o buscan os que verdadeiramente se preocupan da educación dunhas criaturas que precisan moito máis que fartura e cousas materiais.

Porén, iso implica o sacrificio de non confiar un cometido tan importante á televisión, aos móbiles ou ás tabletas, verdadeiras amas de cría en moitos casos e casas, de cuxos peitos tiran os seus saberes e inquedanzas bastantes nenos e nenas de hoxe. Amas de crías crueis como a bruxa da que se tiveron que liberar Hansel e Gretel, neno e nena perdidos no bosque e atraídos pola casa de pan de xenxibre, pastel e azucre moreno en que moraba a cruel muller.

Na presentación dunha novela de María Reimóndez, co abuso infantil como motivo principal, desfilaron pola miña memoria varias historias que me tocou coñecer por mor da miña profesión. Acompañárona dúas traballadoras sociais que, entre outras reflexións, nos deron as cifras desta praga: un 23 por cento das nenas sofren abusos no círculo máis próximo. Abraiante.

Tamén abraiantes as declaracións de varios bispos, do Estado Español e do estranxeiro, botándolles a culpa da pederastia aos nenos. Peor -se cabe- que os que responsabilizan as mulleres de seren violadas. Como se os adultos non tivésemos que velar polos pequenos, mesmo defendéndoos de si propios. Isto, que eu saiba, non se considerou xudicialmente como unha incitación aos abusos. Mentres, un membro dunha asociación pola liberdade de expresión, galego, declarou como imputado por dicir que non debería ser delito queimar fotografías do rei. Menos mal que nos queda Francisco, porque estes que cito -por sorte relativamente poucos- esqueceron aquilo do Evanxeo que fala de colgar unha roda de muíño no pescozo e botarse ao mar.

Comentarios