Opinión

Leccións de filosofía sen libros

Ao falar de libros, refírome aos libros impresos, nos que as mulleres ás que vou lembrar apenas sabían ler ou, sen máis, non sabían. Porén, hai outros nos que lían de corrido e mesmo cunha magnífica prosodia porque abofé que non descoidaban os aspectos fónicos e emotivos da linguaxe, malia descoñecer que cousa era a gramática e as súas diversas moradas. Lían o libro da natureza e das relacións humanas.

Lían o da carraxe polas inxustizas da vida e a súa fugacidade. Lían o do segredo do humor desde antes de que un filósofo lugués escribise un ensaio lúcido e pioneiro sobre o tema. Soletreaban o correr lento das horas, entre risas e bágoas, camiño do esquecemento. Por iso merecen ser recordadas, filósofas dunha escola sen nome, sen máis teorías que a do sentido común que, ben usado, abonda.

Xenoveva de Veiga de Abaixo, por exemplo. Xa a teño amentado outra vez nesta páxina. "Bebe, muller, bebe –dicíalle á súa amiga Carolina en medio das compartidas melopeas de anís–. Bebe, que este mundo aquí ha quedar na man de catro pillos".

Dolores de Panadeiro, quen, diante da estrañeza dun non galego que non conseguía facerse entender por un de aquí, nin na nosa lingua nin en castelán, sentenciou: "Non todos habíamos ser competentes".

María de Teimoi, xorda coma unha parede, que andaba a alindar as vacas e, a calquera comentario que se lle fixera, respondía sempre con seguridade: "Pacen ben, pacen".

Sara de Roque, solteira con moitos anos e poucas luces, ansiosa de amores, mais non de enganos, en resposta a un godallo que, sen máis preámbulo, lle propoñía fornicar: "¿Así, sen ilusión?".

Carme do Rego, magoada pola ausencia dun noivo que se perdera nalgunha distancia: "A todo se afai unha, incluso a non ser feliz. Mari, galego-arxentina, nunha sobremesa coa súa xente: Moi contenta estou por pertencer a unha familia de persoas honradas, intelixentes, sensatas, traballadoras, guapas, simpáticas e... –a rir da manifesta autoestima–, tamén, tan humildes".

De non teren escrito as súas palabras no ar para o recordo de quen as coñeceron, pouco máis serían que sombras agás nos retratos, se quedaron, das súas familias. Mais os seus ditos, de autoría propia ou non, xa son fraseoloxía de noso, portadora de sorrisos e de filosofía. Se comecei referíndome á magnífica prosodia destas mulleres teoricamente incultas, non foi por casualidade.

A cadora é máis difusa a liña tonal nos diálogos das películas, teatro e outros contextos en que a palabra oral está presente. Seica non é moda a que poderíamos chamar musicalidade das palabras. Así, a lingua adelgaza até ficar nos ósos e, acaso, devir en media lingua. Mágoa.

Comentarios