Opinión

Letra morta, monstros vivos

No Estado Español, é marxe das leis, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos tamén él albo persoas e partidos políticos

AO PRINCIPIO foi a palabra, a manifestación da idea. É difícil explicar unha sen a outra e máis difícil aínda ordenalas cronoloxicamente; algo así como preguntar se foi primeiro a galiña ou o ovo.

Os latinos chamábanlle littera á escrita. Para nós, alén doutros significados, tamén ten ese. Cando algo preceptivo está escrito e non se cumpre, falamos de letra morta. E desculpen este previo seguramente innecesario. Deformación profesional, ben saben.

Tal día coma hoxe, no ano 1948, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración Universal dos Dereitos Humanos. En 1950, instaba a Estados e organizacións a celebrar todos os 10 de decembro a efeméride. Descoñezo cantos países non se adheriron a esta demanda, mais é evidente que, moitos dos que si a asumiron na teoría, fixeron e fan dela letra morta na práctica.

Abonda con ler a prensa diaria ou acudir ás hemerotecas para constatar que desde 1948, feita xa a antedita Declaración, esta conculcouse e concúlcase todos os días nunha ou outra parte do mundo. Non deixa de ser un paradoxo -ou pura coherencia, non coincidencia- que na Arxentina de Videla, precisamente o 10 de decembro, secuestrasen a Azucena Villaflor, unha das fundadoras das Madres de la Plaza de Mayo. Despois de tres días de torturas, tirárona viva desde un avión ao Río de la Plata, nos tristemente célebres voos da morte. Era o ano 1977.

Todas as ditaduras do mundo, deámoslles ou non tal nome, son un desmentido ao cumprimento desta Declaración. Todas, incluída a do Capitalismo que, se ben se mira, levado a certos extremos, vulnera, entre outros, o artigo 4, que fala da escravitude, e o 25, referido ao dereito a un nivel de vida axeitado. Imposíbel enumerar os lugares onde a liberdade de expresión e opinión (art.19) ou o dereito a non ser detido arbitrariamente (art. 9) non están garantidos. Crueis os casamentos forzados e de nenas (artigo 16). Inxustas cantas cousas non pasen o filtro do que segue a ser un desiderátum.

No Estado Español, á marxe das leis, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos tamén é albo de persoas e partidos políticos. Alén doutras desigualdades, hai dúas organizacións a se pór de acordo para eliminar os casamentos humanitarios, cousa que non se compadece cos artigos 1 e 2 do texto citado. Aínda que non o consigan, fomentan odio e homofobia. Triste oficio, abofé.

Peor: a propia Onu, impulsora destes humanísticos artigos, pásaos por alto ás veces, tal como fixo co bombardeo de Libia.

Os monstros seguen vivos na letra morta. Talita, cumi!, "Rapaza, érguete!", como dixera Cristo, a resucitar a filla de Xairo.

Comentarios