Opinión

Miña casiña, meu lar...

ESCRIBIU ROLAND Barthes no seu ensaio A poética do espazo que a casa é o noso recuncho do mundo, o noso primeiro universo, realmente un cosmos. Sen entrarmos na análise que, polo miúdo, fai o semiólogo francés, porque non é este o lugar nin o caso, é interesante o que di das vivendas das urbes, onde as casas non teñen raíces e falta o valor da intimidade. Os soñadores de casas, como el denomina aos que as crean literariamente, imaxínanas con soto e faiado, a resistir os embates das treboadas, apenas perceptíbeis nos grandes edificios das cidades.

Pablo Iglesias, aquel que semellaba soñar utopías, resultou ser un soñador de casas. Está no seu dereito, faltaría máis. Porén, tendo en conta o produto que vendeu –a austeridade dos políticos diante das grandes diferenzas sociais–, debería terse abstido de mercar o chalé de soño que talvez lle deveña pesadelo.

Porque coa tal adquisición fixo a palinodia –retractouse– do principal argumento nas súas diatribas contra a casta.

U-lo parlamentario europeo que propugnaba para el e os seus compañeiros e compañeiras compartir cuarto en Bruxelas e así subsistir con menos de dous mil euros? No seu día xa me pareceu cousa disparatada. Que menos pode ter unha persoa, despois dunha xornada de traballo, que un espazo íntimo?

É humano que desexe ver medrar as criaturas que lles veñen en camiño a el e á súa compañeira, Irene Montero, no mellor dos ambientes posíbeis. Se, como é de pensar, nin roubaron nin roubarán para facer fronte aos seiscentos mil euros da hipoteca, non hai nada que obxectar. Secasí, maldita hemeroteca que, casualmente, rima con hipoteca e lle recordará á portavoz de Podemos no Congreso que un día non afastado no tempo foi parte significada da PAH (Plataforma de Afectados pola Hipoteca).

Nós adoitamos gustar das casas grandes. Véxanse, se non, as de nova construción, con frecuencia sen recebo ou sen pintura, frías por mor da cantidade de metros cúbicos que cumpriría caldear. Penso que non é megalomanía, senón desexo de larganza para acoller as amizades e a familia que está fóra, se pode volver nas vacacións.

A do cantar que glosa Rosalía –Follas Novas (Da Terra)–, coa que titulo este artigo, era unha casoupa mísera. Mais o diminutivo indica aquí afectividade e non tamaño. A voz poética, unha muller, está soa e ten fame. Todos lle negan axuda, agás a casa, ese gran colo materno, o seu maior ben, que a acolle e garda a exigua posibilidade de facer un caldo que a consola.

"Todos os españois teñen dereito a una vivenda digna e adecuada". Art. 47 da Constitución Española. Ese é o miolo da cuestión, pero é máis doado ficar na codia.

Comentarios