Opinión

É moi fea e chámase violencia

Refírome á mentira e coido que non lle estou a atribuír un nome que non lle corresponda nin un atributo que non lle acaia.

Segundo o dicionario da Real Academia Galega, nunha das súas varias acepcións, ‘violencia’ defínese como "Maneira de actuar na que se fai uso da forza física ou da intimidación moral contra algo ou alguén" e, noutra, perfectamente intercambiábel coa anterior, "Exercicio inxusto e arbitrario, xeralmente ilegal, de poder ou forza".

Acaso non intimidan, non inspiran temor, moitas das falacias que se propalan polas redes sociais ou mesmo en declaracións á prensa e en tribunas políticas? Non é un exercicio inxusto de poder a impunidade coa que se mente ao abeiro destes medios?

Vai o anterior para xustificar o nome, violencia. Polo que atinxe ao atributo, fea, atéñome á rotunda afirmación do poeta John Keats, á que acudo de cote: "Só a verdade é beleza e só a beleza é verdade".

Adóitase dicir que nas guerras a primeira vítima é a verdade. Sen dúbida. Na maldade intrínseca dos conflitos bélicos semella que cabe todo e de todo. Porén, é máis difícil de entender que no día a día dun país, nesa outra guerra en que se converten as contendas electorais, a arma das falsas noticias, dos enganos, sexa unha práctica ‘normal’.

Retorno, por tanto, ao comezo: se a mentira é violencia e a violencia non pode ter espazo no exercicio da política, como é que non se penaliza o seu uso?

Sexan cales sexan as diferenzas entre unhas e outras ideoloxías, teñen que estar alicerzadas nuns principios éticos universais, dos que a verdade debe ocupar o lugar máis alto.

Certo que no mundo que coñecemos, a verdade absoluta só se se pode demostrar nas matemáticas. Aínda así, como aspiración, debería ser a vía pola que a humanidade circule para non se devorar a si mesma.

Se para se confrontar na arena política é preciso acudir á mentira en aras de eliminarmos co desprestixio ao rival, non hai dúbida de que a nosa propia verdade non se defende por si soa, non se sostén. O único que se alza é unha muralla de incomprensión, a cadora máis difícil de derrubar.

Volvo a este tema das ‘fake news’, sobre as que a Secretaría da Fiscalía Xeral do Estado xa emitiu instrucións para o seu tratamento penal, xa que por fin, se produciu a primeira sentenza neste sentido. Hai dous ou tres días un garda civil foi sentenciado a 15 meses de cárcere por difundir un bulo en ‘twiter’ con imaxes falsas dunha suposta agresión por parte de inmigrantes menores non acompañados.

Secasí, se non se actúa xa con máis medios e vontade de rematar esta pandemia de alta virulencia, o porvir será tan escuro como incerto e falso.

Comentarios