Opinión

Moitos muros, poucas pontes

QUEN NON coñece a anécdota de Isaac Newton e a mazá? Hai que ser moi inxenuo ou inxenua para acreditar en que así foi o descubrimento da gravitación universal. Estaría o científico debaixo dunha maceira e, ao ver caer a froita, reflexionou e caeu tamén el da burra. Claro que o filósofo Voltaire, ao regreso do exilio en Gran Bretaña, no libro A filosofía de Newton recolle a tal anécdota, seica escoitada a Caroline Barton, sobriña do físico e matemático. Tamén o fai o seu biógrafo e amigo William Stukeley, quen afirma que llo contou o propio Newton. 

Xa postos, eu prefiro unha versión máis fantástica. Aquela en que a mazá lle cae na cabeza, lle fai un inmenso croque e vén ser como se lle desentumecese os miolos e espertase dun letargo que o mantiña nas verzas. E aínda máis, a mazá, con moita retranca, debería falar e recriminarlle ao sabio que non tivese reparado antes no feito porque, con toda certeza, ela non era a única cousa que vira caer diante do nariz. 

Se aconteceu así, na versión menos tola do asunto, o que se pode aseverar é que foi o colofón dunha investigación moito máis longa sobre un fenómeno arredor do que tamén se movera Kepler e aínda traballaba Hooke. 

Porén, moito me parece que o enunciador da Lei de Gravitación Universal quixo, con humor, tender unha ponte así de sinxela, unha imaxe familiar a todo o mundo, para que a través dela vadeasen o río da ignorancia. Non descoñecía as palabras de Séneca: "Longo é o camiño do ensino por medio de teorías, breve e eficaz por medio de exemplos". 

Porque as pontes eran moi queridas por Newton. "Os homes construímos demasiados muros e non pontes abondo". As mulleres tamén, claro. El non se refería ao sentido real dos termos, por máis que as súas leis deben ser tidas en conta, conscientemente ou non, nas obras. 

Como albaneis chambóns, poñemos un pouco de masa onde hai unha avaría que ameaza a estrutura. Como desaprensivos matóns de discoteca, coa consumición pagada, dámoslles unha couce en salvasexa aos que pensan diferente, erixíndonos en paradigma do que debe ser. 

Levantamos muros, como se os muros puidesen deter o ímpeto dun pobo cohesionado por unha arela común. Esquecemos que, como dixo o Papa Francisco referíndose ao muro entre México e os EE UU, os muros fan prisioneiro a quen os constrúe. 

Sempre, sempre, os nacionalistas cataláns declararon a súa non violencia. O certo é que lles saboteron as pontes e lles levantaron muros até obrigalos a mudar a ruta. Mais, en todo caso, este é un problema político e como tal debe ser resolto. Cómpre que caian moitas mazás en moi diversas cabezas para que fagamos pontes e non muros. 

Comentarios