miércoles. 18.05.2022 |
El tiempo
miércoles. 18.05.2022
El tiempo

Mudanza

GUSTO DE reflexionar ao fío da vida. De cote cito a Nietzsche que dicía que deberíamos desconfiar dos pensamentos que non nos sobreveñan camiñando. Pois iso, camiñando, movéndome, neste caso a me mudar de casa, pensei as cousas que hoxe comparto con quen teña a ben ler este artigo.

Xa comparei en moitas ocasións a casa coa lingua, sen ser orixinal en absoluto porque moito antes Heidegger a definira como «casa do ser». Esta é tamén, xunto coa do mar e o camiño, unha das metáforas máis produtivas á hora de falar da existencia. Por iso deixar unha casa é un xeito de morte, mais estrear outra é un renacemento.

Envolvendo diversos obxectos, embalando libros, recollendo cadros, lembrei a Novoneyra. O poeta courelao, a limpar de cousas vellas o faiado da súa casa de Parada, aseguraba estarlles tocando as mans aos antepasados. Aos antepasados, a familiares e a moitas amizades, unhas vivas e outras xa finadas, toqueilles eu os dedos estes días. Debo confesar que tiven que acudir máis dunha vez á racionalidade para non me deixar arrastrar pola melancolía.

Non sería mala idea, antes de calquera cambio de domicilio, facer o Camiño de Santiago. Daquela resultaría moito máis doado establecer os graos do superfluo e desfacerse de tantas cousas innecesarias. Eu decátome do pouco apego que lles teño aos meus pequenos tesouros, mais ao mesmo tempo percibo un certo sentimento de culpabilidade se penso en me desprender deles ao considerar o cariño con que mos agasallaron. Por outra parte, cando a memoria enfraquece, é bo ter obxectos onde pendurala. Unha figuriña, un disco ou un libro poden ser como a madalena de Proust e provocar un remuíño de recordos.

Aínda así é conveniente, sen chegar a rachar o pasado (‘rasga o passado’ aconsellaba un fado de Amália Rodrígues), dosificalo para que deixe lugar ao presente, que á fin é o único que temos. Mudar de casa é apousentalo noutra parte para que, a xirar na roda do tempo, se converta tamén en memoria.

A miña está partida nos segmentos -máis ou menos longos- das casas e os lugares que habitei. Van máis dunha ducia. Comezar outro, ben avanzada a década dos sesenta, non deixa de ser un motivo de esperanza. Cantas persoas da miña idade ou mesmo máis vellas viron, nestes aciagos tempos da crise, como lles caía esa parede mestra, esa columna fundamental, que é a vivenda! Certamente non é o mesmo mudarse a un piso confortábel dunha cidade acolledora que cambiar ao territorio da incerteza. Vaia, máis unha vez, a miña denuncia solidaria.

Descúlpenme estas confesións persoais porque, na mesma liña, conclúo: grazas, Guitiriz, voume mais lévote no corazón.

Mudanza
Comentarios