Opinión

Este mundo de todos os diaños

Na única sextina que escribiu Jaime Gil de Biedma, ‘Apología y petición’, fala o poeta de "esta España de todos los demonios". É unha composición definidora e segue a estar vixente alén do que sería de agardar pasados sesenta anos. Definidora, mais non definitiva por aquilo de que "non hai mal que cen anos dure" e, de non acreditarmos nas posibilidades de mudanza, abofé que sentiríamos a tentación de desistir. 

Co antedito, deixo declarada a filiación do título do artigo. Anoto, a seguir, un fragmento do poema que fago extenso a todo o mundo: "Como si el hombre, / harto ya de luchar con sus demonios / decidiese entregarles el gobierno / y la administración de su pobreza".

Home, no tradicional uso inclusivo, para significar a humanidade enteira. Humanidade, palabra de xénero feminino que non alude ao sexo de ninguén, senón á capacidade de entender, xulgar e optar. (E, se aclaro isto, é por mor desa clasificación circulante, seica fundamental para a non discriminación, que en castelán se resolve con ‘él’, ‘ella’ e ‘elle’ e en galego aínda non o sei ben. Respecto a quen pensa así, mais non concordo).
A pobreza, esa situación que abrangue o 85% da poboación mundial, administrada por demos ou diaños. Xa tiñamos a sospeita porque, doutro xeito non se explicaría como o infortunio de tanta xente pode estar en mans de tan poucas persoas. E non aludo a ese 15% no que nos incluiríamos, xunto cos Amancios Ortega e Musks da terra, as persoas que temos cubertas, mellor ou peor, as nosas necesidades vitais.

Falo dos que deciden, ora desde os gobernos, ora desde os grandes poderes económicos entre os que, é obvio , tamén se atopan magnates coma os amentados. Fronte a eles, somos pobres e poucas veces temos defensa. Eles deciden sobre as nosas vidas e mesmo o fan con aleivosía e premeditación. 

Referireime a un caso concreto, unha nimiedade seguramente para algunhas das persoas que len isto: Saben vostedes que eses papeliños ou recibos que nos entregan cando pagamos nos caixeiros e tendas de supermercados, os chamados térmicos, que non precisan tinta, son puro veleno? Teñen un compoñente, o bisfenol A, que produce cancro e infertilidade. Non é unha superstición nin un bulo, existen estudos serios e incontrovertíbeis. Nós, con frecuencia; as persoas que traballan en caixeiros, todo o día, estamos expostas a el. Varios países xa prohibiron o seu uso. Aquí sería desde o 1 de xaneiro de 2023 e o veto estenderíase aos envases alimentarios.  Porén, a emenda do PP en sentido contrario foi estimada. 

"Son hombres quienes han vendido al hombre", di noutro verso Gil de Biedma. 

Homes ou diaños? 

Comentarios