Miércoles. 21.11.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.11.2018
El tiempo

Ningún mono ve o seu rabo

DE CERTO que, en maior ou menor medida, todas as persoas facemos verdadeiro este refrán. Emparentado co que fala de ver a palla no ollo alleo e non ver a viga no propio, ben se entende que se refire ao implacábeis que somos co próximo e a benevolencia que usamos para analizar as nosas condutas. Eu quero aplicarlle este proverbio a certos políticos e "opinadores" que nos quentan a cabeza baixo a promesa de amañar o mundo. Como se estivesen en posesión da pedra filosofal para converter todo en ouro, ou da panacea universal para curar todas as doenzas do país.

Habería que comezar falando dos e das que se autodefinen como apolíticos. Entre eles están os que se moven co vento, segundo a súa moi particular conveniencia, a profesar esa non ideoloxía que é en realidade outra ideoloxía, a da mala uva, se a cualificamos como cualificou Roland Barthes a certos críticos literarios. Outros, de boa fe, defínense así porque buscan un centro inexistente, unha equidistancia imposíbel.

Que o ser humano é un animal político, xa o deixou dito Aristóteles aló polo século IV a. de C. Daquela, se acreditamos no filósofo que máis ten influído no pensamento de Occidente, os apolíticos están, na escala animal, un banzo máis abaixo do que lles correspondería.

Mais acontece que hai unha multitude farta de tanta falacia e incoherencia, de tanta crispación, de tantos estandartes e bandeiras enarborados para proclamar a intolerancia e fomentar a división, para revolver as augas e pescar en río avolto. E, a carón dela, outra multitude a seguir, cega, as consignas de quen a manexa. Xentes con rabo todas, a ver só o da outra metade.

Que nos pode salvar? Iso que escasea máis ca nunca: a verdade. Porén, non se procura. Cóspense medias verdades e vén ser como manter unha partida de tenis sen pelota, azoutando o ar.

A exhumación dos restos do ditador, unha boa oportunidade para limpar a ferida e que cicatrice de vez, tropeza sempre co argumento de que as houbo por ambos lados. Hai que saber o que pasou realmente, coñecer os matices.

Por que non mirar de fronte a situación de Cataluña, o seu dereito a defender a propia identidade, lonxe de monolitismos imperialistas que se volven búmerangs?

Quen vai contar a carraxe dunha parte da sociedade que tivo que pagar o rescate da banca con exclusión e miseria e agora ve como medraron uns poucos?

E poderiamos seguir. Todo ten nome e apelidos, mais hai moitos impostores e falsificadores da historia, mesmo da máis próxima. Non haberá paz se a verdade non xorde limpa como auga primeira.Un triunfo ou unha derrota electoral nunca terán o seu valor. Recoñezámolo: temos rabo.

Ningún mono ve o seu rabo
Comentarios