Opinión

No horto de Ronsard

Este venres cómprense 434 anos do falecemento de Pierre de Ronsard, o chamado príncipe dos poetas e poeta dos Príncipes de Francia. Antonio Machado, no 'Retrato' ao que, por certo, non lle cadraría mal o título de Autorretrato, recoñece dun xeito ben explícito a súa influencia: "Adoro la hermosura y en la moderna estética / corté las viejas rosas del huerto de Ronsard".

De igual xeito Ronsard, aínda que tamén cunha estética propia, fora influído polos modelos clásicos, nomeadamente Píndaro, Anacreonte e Petrarca. A súa orixinalidade colocouno á cabeza dos poetas da Pléiade, grupo que propugnaba a poesía como servizo á beleza e que se propuña, asemade, darlle ao idioma francés a categoría dun idioma culto, tal como faría séculos máis tarde Eduardo Pondal co galego ("Déstesme unha lingua de ferro, devólvovos unha lingua de ouro").

Á fin, cada poeta engarza o seu elo nesa cadea que é a historia da literatura; mais hainos repetidos, tan miméticos, que non a fan medrar. E tamén os hai tan supostamente orixinais, que son incapaces de se declararen herdeiros da tradición. Seica escriben como se acabasen de chegar ao mundo, Evas e Adáns a comezar a súa propia serie de aros.

Comentarios